No marco da convocatoria Sustainable Blue Economy Partnership. Este proxecto baseado na economía circular é o único aprobado liderado por investigadores españois e nel participan socios de España, Grecia, Portugal e Italia
O grupo de Fisioloxía de Peixes (PhysToFish) do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, dirixido polo catedrático José Luis Soengas, lidera un innovador proxecto que foi seleccionado dentro da área Blue Bio Resources da prestixiosa convocatoria Sustainable Blue Economy Partnership (SBEP), un partenariado do programa HORIZON da Unión Europea, que apoia a economía azul sostible. Tras unha rigorosa avaliación internacional, a proposta AlFunFeed foi proposta para financiación, sendo a única das aceptadas liderada por un grupo de investigación español. Buscará obter proteínas de fungos filamentosos fermentados con residuos industriais de macroalgas co fin de producir pensos acuícolas máis sostibles e con menor pegada de carbono.
O consorcio do proxecto AlFunFeed está liderado polo grupo PhysToFish do CIM en España e conta coa participación dunha empresa galega de biotecnoloxia (ODS PROTEIN S.L.), representada por Iria Varela, e outros tres grupos de investigación procedentes da Università Politecnica delle Marche (Italia), con Ike Olivotto á cabeza; do centro CIIMAR (Portugal), a través de Benjamin Costas; e da Universidade de Tesalia (Grecia) baixo a dirección de Kostas Kormas. Ademais, participan como colaboradores a Federación italiana de pesca e acuicultura (Federpesca) representando á sociedade, e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia (España) representando á administración. O proxecto contará cun financiamento de 1,23 millóns de euros.
A iniciativa busca revolucionar a produción de pensos para acuicultura mediante procesos biotecnolóxicos innovadores, substituíndo as proteínas vexetais por proteínas obtidas de fungos unicelulares mediante a súa fermentación con residuos de macroalgas. Con esas proteínas o consorcio europeo desenvolverá dietas experimentais para a robaliza (Dicentrarchus labrax), avaliando o seu impacto na alimentación, o sistema dixestivo, o seu valor nutricional, o efecto sobre a microbiota, a resposta inmune e o benestar animal. O proxecto tamén analizará o impacto ambiental e económico desta nova fonte proteica, aliñándose cos obxectivos de sostibilidade da Década das Ciencias Oceánicas da ONU.
Un enfoque innovador para una acuicultura máis sostible
O proxecto AlFunFeed ten como obxectivo o desenvolvemento de novas fontes de proteína baseadas en fungos filamentosos fermentados con residuos de macroalgas, destinadas á alimentación de peces carnívoros en acuicultura. Esta innovadora investigación busca mellorar a sustentabilidade do sector acuícola mediante a redución nos pensos para alimentar peixes do uso de ingredientes de maior pegada de carbono como as proteínas de orixe vexetal tipo soia obtidas de monocultivos en grandes extensións de terreo.
En particular, AlFunFeed aposta por un modelo de economía circular ao reutilizar descartes de macroalgas na produción destas proteínas, ofrecendo un ingrediente alternativo e nutritivo para a alimentación de especies carnívoras como a robaliza europea, de gran relevancia comercial, que serán extrapolables para outras especies de peixes relevantes en acuicultura como o rodaballo, a dourada, o salmón, etc.
O investigador do CIM e líder do proxecto, José Luis Soengas, explicou que “na acuicultura, un dos principais retos está na sustentabilidade dos ingredientes que se utilizan para elaborar os pensos. O noso proxecto parte dunha idea innovadora: aproveitar residuos de macroalgas —que normalmente se descartan— como substrato para cultivar fungos filamentosos e obter deles proteína unicelular. Esta proteína será o ingrediente que avaliaremos como alternativa na alimentación de peixes”.
A avaliación do SBEP destacou a calidade científica e metodolóxica do proxecto, así como o seu potencial impacto na sustentabilidade da acuicultura. Ademais, resaltou o enfoque multidisciplinar do consorcio, que involucra a investigadores de diversas institucións académicas, a industria e entidades ambientais e gobernamentais de toda Europa. O investigador do CIM destacou que “é a primeira vez que se propón o uso destas proteínas en acuicultura empregando algas como substrato para a súa obtención. É unha proposta completamente nova, xurdida desde o CIM, e nunha convocatoria europea altamente competitiva”.
Este recoñecemento reafirma o papel do CIM como un referente en investigación mariña e o seu compromiso co desenvolvemento de solucións innovadoras para unha economía azul sostible. A coordinación do proxecto por parte do CIM reforza a súa presenza en iniciativas europeas de alto nivel e fortalece a súa posición no liderado de proxectos de investigación aplicada ao sector mariño.
Pasos a seguir
A proposa AlFunFeed foi aprobada na convocatoria do Sustainable Blue Economy Partnership (SBEP) e está pendente de recibir o financiamento por parte dos organismos nacionais delegados, concretamente no caso dos socios españois, a Agencia Estatal de Investigación (AEI) e Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI). O proxecto comezará en setembro de 2025 e durará 3 anos ata agosto de 2028.
José Luis Soengas describiu o proceso que seguirá o traballo, de tal forma que “o primeiro será adaptar a tecnoloxía existente da fermentación dos fungos unicelulares para que poida empregar algas como sustrato. Esta parte será a que desenvolva a empresa do consorcio (ODS Protein). A partires de ahí o grupo do CIM xunto cos seus socios, encargarémonos de estudar se esta nova proteína se axusta ás necesidades dos peixes”.
Os resultados do proxecto AlFunFeed poderían transformar o sector da acuicultura ao introducir unha fonte de proteína máis sostible e eficiente en comparación cos ingredientes proteicos de orixe vexetal de uso rutinario hoxe en día pola industria de pensos. O uso de proteína unicelular derivada de fungos cultivados en residuos de macroalgas permitiría substituír as proteínas vexetais nos pensos comerciais, reducindo a competencia con cultivos destinados á alimentación humana. Ademais, esta alternativa contribuiría a diminuír a pegada de carbono do proceso, mellorar a saúde e o benestar dos peixes e garantir unha maior estabilidade na subministración de ingredientes, ao prescindir de recursos estacionais ou extractivos.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI