O CIM está presente no Congreso One Ocean Science, foro científico internacional sobre os océanos

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo está presente no Congreso One Ocean Science, organizado polo CNRS e o IFREMER, e que se está a celebrar en Niza (Francia) do 3 ao 6 de xuño de 2025, un evento científico internacional de referencia no marco da 3ª Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos (UNOC3). O One Ocean Science ten como obxectivo achegar coñecemento científico de referencia para a preparación da UNOC3 e reúne durante catro días a especialistas de todo o mundo arredor dos desafíos e oportunidades que afectan á saúde dos océanos e á súa xestión sustentable.

No marco desta cita internacional, o CIM contribuirá con cinco relatorios orais e dez comunicacións en formato póster. Concretamente, esta participación abrangue resultados diversos centrados na sustentabilidade mariña, desde a conectividade ecolóxica e a resiliencia fronte ao cambio climático ata a xestión de áreas mariñas protexidas, a contaminación química, a acuicultura sostible e a alfabetización oceánica. A participación do CIM reflicte a ampla diversidade temática e a calidade das investigacións desenvolvidas polos seus investigadores e investigadoras, así como o seu compromiso coa sustentabilidade mariña.

Este congreso busca fundamentar as decisións políticas en coñecementos científicos sólidos para abordar os desafíos que enfronta o océano e para promover accións concretas que garantan a súa sustentabilidade e os servizos que proporciona á humanidade. O evento combina sesións plenarias, presentacións paralelas e actividades abertas á sociedade como paneis, mesas redondas e “asambleas cidadás”, co obxectivo de fortalecer os vínculos entre ciencia, política e cidadanía na protección dos océanos.

Ademais, One Ocean Science constitúe unha oportunidade excepcional de networking científico, favorecendo o intercambio de ideas, a creación de novas colaboracións internacionais e a visibilidade do traballo que se desenvolve desde o CIM no ámbito da ciencia mariña.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)