O CIM capta fondos para impulsar dous proxectos de divulgación científica

Acadou financiamento da FECYT para un novo proxecto de concienciación ambiental e ciencia mariña, ‘Nereida’, e para continuar co ‘Paleo en el barrio’

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo captaron novo financiamento na convocatoria 2024 da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), destinada a promover entre a cidadanía a cultura científica. Estes fondos permitirán desenvolver dúas iniciativas coas que seguir espallando as actividades de fomento da cultura científica por todo o sur de Galicia, unha que repite experiencia e outra que botará a andar nesta edición disposta a conquistar o público, sobre todo á rapazada e á mocidade.

Como novidade nesta edición chega unha proposta da man do grupo do CIM Future Oceans Lab, que nace como resposta á necesidade de fomentar unha maior conciencia e comprensión sobre os ecosistemas acuáticos nos centros educativos. Bautizado como Nereida e liderado polo investigador Andreu Blanco, o proxecto busca corrixir esta carencia promovendo a creación dunha rede galega de escolas azuis que integren a ciencia mariña nos seus programas educativos e fomenten a aprendizaxe práctica e participativa.

Coa posta en marcha deste proxecto procúrase non só ensinar sobre os ecosistemas acuáticos, senón tamén inspirar ás novas xeracións a asumir un papel activo na protección do medio ambiente. Trátase de promover a conciencia ambiental e a ciencia mariña entre o alumnado de infantil, primaria, secundaria e educación especial, impulsando a certificación internacional Escola Azul, que recoñece os centros educativos comprometidos coa educación sobre ecosistemas acuáticos.

Entre as actividades clave inclúense a creación dunha incubadora de proxectos azuis, o desenvolvemento de materiais educativos e multitude de obradoiros prácticos nos centros.

Por outra banda, mantense a aposta polo proxecto Paleo en el barrio, ciencia de proximidad, liderado pola investigadora Adriana Oliver do grupo do CIM Terra e posto en marcha da man co CSIC, que nesta edición, a cuarta xa, afondará no pasado paleontolóxico do distrito madrileño de Carabanchel e no concello galego do Porriño.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e cuxa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)