As científicas do CIM Ana Ulla e Estefanía Paredes, dúas das protagonistas da 5ª edición do catálogo ‘Quero ser investigadora’

As científicas do CIM Ana Ulla e Estefanía Paredes, dúas das protagonistas da 5ª edición do catálogo ‘Quero ser investigadora’

Nel, dez investigadoras de distintos ámbitos comparten o seu camiño cara á ciencia

A Universidade de Vigo volve dar un paso adiante no seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da quinta edición do catálogo Quero ser investigadora. Nesta nova entrega, o proxecto adáptase á evolución do seu público cun cambio de formato que busca achegar aínda máis a realidade das científicas á rapazada: entrevistas en estilo directo, un audiolibro narrado polas propias protagonistas e unha versión de lectura fácil.

Nesta edición, dúas investigadoras do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) comparten o seu camiño cara á ciencia. A primera das dez historias que recolle o catálogo é a de Ana Ulla, catedrática en Astrofísica e investigadora do CIM, quen lembra que aos catorce anos xa tiña claro que quería dedicarse á astronomía: “Merquei o meu primeiro libro de astronomía e comecei a aprender pola miña conta, sen telescopio, a ollo e cunha lanterna vermella para non alterar a capacidade de observación nocturna”. Para Ulla, entender que a Terra é só “un pequeno planeta flotando nun vasto universo” axuda a poñer en perspectiva moitas das nosas preocupacións cotiás.

Tamén aparece neste novo volume a moañesa Estefanía Paredes Rosendo, especialista en Criobioloxía Mariña e investigadora do CIM, que fai fincapé en que “con interese e paixón, calquera pode chegar a dedicarse á ciencia, sempre que teña ánimo e perseveranza”.

Audiolibro e lectura fácil: unha aposta pola inclusión

Unha das novidades máis destacadas desta edición é a incorporación dun audiolibro, no que son as propias protagonistas as que dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Neste mesmo espírito, incorpórase unha versión de lectura fácil que adapta os contidos con linguaxe clara e frases sinxelas, eliminando barreiras cognitivas e facilitando a comprensión para persoas con dificultades lectoras, trastornos do neurodesenvolvemento ou que simplemente prefiren unha lectura máis directa.

Como en edicións anteriores, o catálogo conta cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. A proposta complétase cunha guía didáctica e contidos interactivos elaborados na plataforma Genially, co obxectivo de facilitar o traballo co catálogo nas aulas.

Presentación “con nome de muller”

Financiado pola FECYT, o catálogo forma parte das actividades do Plan de Ciencia de Ida e Volta da Unidade de Cultura Científica, UCC+i. A publicación presentouse oficialmente o pasado venres no marco da expo-feira científica A ciencia que vén ten nome de muller, celebrada no concello de Lalín. No acto participaron tres das protagonistas do catálogo —Julia Carballo, Estefanía Paredes e Ana Ulla Miguel—, xunto coas vicerreitoras Mónica Valderrama e Belén Rubio, e a fotógrafa Charo Lopes. A presentación supuxo un espazo de diálogo interxeracional entre investigadoras e público, no que se puxo en valor o papel das mulleres na ciencia e a importancia de visibilizar referentes.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e cuxa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI