O físico do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel é o seu responsable. Con financiamento do International Space Science Institute (ISSI)
O International Space Science Institute-ISSI acaba de prolongar dous anos máis o proxecto que desde o ano 2022 desenvolve un equipo internacional liderado polo físico do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel que estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. A ampliación prodúcese para poder estudar máis en profundidade estes impactos e outros novos detectados durante o desenvolvemento do estudo.
No proxecto participaron ata o de agora once institucións de sete países, estando ademais da UVigo a Universidade de Oxford, a Nasa, o MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas de Estados Unidos (NCAR), o Centro de Investigación Antártica de Reino Unido, a Charles University de República Checa, o Instituto Nacional de Investigacións Avanzadas da India, o Instituto Meteorolóxico de Finlandia, o Instituto Meteorolóxico dos Países Baixos e a Universidade de Leeds. Nesta segunda etapa manterase o mesmo equipo aínda que desde o proxecto explican que non está asegurada a representación da Nasa polas restricións impostas para a colaboración internacional aos seus científicos polo actual goberno de EEUU.
Por parte da Universidade de Vigo participa Juan Antonio Añel, que é o director deste grupo internacional, e Laura de la Torre, investigadores do CIM e membros os dous do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-Centro de Investigación Mariña) e docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. Amosando a súa satisfacción por acadar esta continuación do proxecto, o seu responsable destaca que supón “todo un pulo que se revalide a confianza en alguén da UVigo para seguir liderando este traballo tendo en conta a xente tan boa e de tantos centros de investigación tan prestixiosos de todo o mundo que participan nel”.
Continuidade de obxectivos e novos impactos a avaliar
Os obxectivos do proxecto mantéñense, ampliando a profundización neles. En primeiro lugar, sitúase avaliar en que estado está a monitorizar dos impactos do cambio climático nas capas máis altas da atmosfera. Hai, sinala Juan Antonio Añel, unha gran falla de datos e sistemas de observación, estando moi restrinxido o coñecemento actual sobre os impactos do cambio climático á parte máis baixa da atmosfera do planeta. O equipo internacional proponse ademais construír unha base de datos de observacións da atmosfera media para poder estudar mellor ditos impactos e cuantificar o impacto das emisións dióxido de carbono na ionosfera e certas propiedades da atmosfera alta, tales como a densidade de electróns. “Isto é importante porque está afectando á navegación de satélites e ao seu tempo de reentrada na atmosfera e aumentando o tempo de permanencia en órbita do lixo espacial e polo tanto aumentando a súa cantidade”, sinalan. Tamén, no marco desta iniciativa farase un informe con recomendacións sobre como solucionar estes problemas.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI