AlénOMar | Investigadoras do CIM achegan a súa visión sobre a ecoloxía no congreso das sociedades AEET e Sibecol

Máis de 900 especialistas en ecoloxía de 20 países abordan en Pontevedra como impulsar “unha ciencia máis xusta”

Procedentes de máis dun centenar de universidades e organismos dunha vintena de países, máis de 900 investigadores, investigadoras e profesionais dos diferentes ámbitos da ecoloxía reúnense desde este luns en Pontevedra con motivo do XVII Congreso da Nacional da Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET) e III Congreso da Sociedade Ibérica de Ecoloxía (Sibecol). Promovido por estas dúas entidades, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, trátase dun evento presidido no seu comité organizador presidido pola investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, Sara Varela, coordinadora do grupo MapasLab, e a investigadora do MGB-CSIC Alexandra Rodríguez, ademais de ter á investigadora da USC Mar Sobral á fronte do seu comité científico e ao tamén investigador da Misión Biolóxica Luis Sampedro como responsable do comité local.

Baixo o título de Outra ciencia é posible: diversidade, decrecemento e sostibilidade en investigación ecolóxica, este encontro busca “pór en valor unha ciencia máis xusta, máis eficaz e máis comprometida cos desafíos sociais e ecolóxicos do noso tempo, como a mitigación do cambio climático ou a desigualdade de oportunidades”, sinalan desde a organización.

Coloquios plenarios, sesións temáticas e charlas sorpresa

Conferencias plenarias, 49 sesións científicas paralelas, talleres e preto de 750 presentacións, integran o programa do evento que ata este xoves 5 se desenvolverá no Pazo da Cultura. Entre eles está a participación da investigadora responsable do grupo Future Oceans Lab do CIM Elena Ojea, quen presentou quen presentou o seu traballo na busca de “solucións adaptativas” nos ecosistemas mariños, tanto a nivel ecolóxico como social.

Conformados, na maioría dos casos, por dúas conferencias consecutivas cun nexo en común, a estes coloquios plenarios sumaranse nos vindeiros días investigadoras como Beatriz Mouriño, do CIM-UVigo, que afondará no “paradoxo” que supón que as especies invasoras sexan “grandes colonizadoras cunha diversidade xenética moi pobre”.

O congreso vese complementado por actividades dirixidas a achegar a cidadanía ás cuestións abordadas neste evento. Con ese obxectivo, a Comisión de Ecoloxía e Política da AEET organiza este martes na Illa do Covo un debate aberto centrado en se debe a ecoloxía posicionarse en cuestións que forman parte do debate público e que a incumben como ciencia. Por outra banda, o xoves terá lugar un coloquio sobre acoso no ámbito académico, organizado pola Comisión de Igualdade desta asociación, á vez que no recinto feiral e no Pazo da Cultura poden verse exposicións como Galicia ilustra (con)ciencia, Ecofeminismos aumentados ou Especies en perigo de extinción en Galicia.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e cuxa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)