A investigadora da University of Syndey ofreceu unha charla sobre sostibilidade e adaptación ao cambio climático organizada polo Future Oceans Lab (FOL) do CIM
As comunidades costeiras de todo o mundo enfróntanse a crecentes desafíos de sostibilidade, que van desde a gobernanza equitativa dos recursos mariños ata a adaptación aos impactos do cambio climático. En base a esta realidade, a Universidade de Vigo acolleu hoxe o seminario “Tangled Tides: Social-Ecological Networks and Resilience in Marine Systems”, impartido pola Dra. Michele L. Barnes, profesora asociada da School of Project Management da University of Sydney. A Dra. Barnes presentou un enfoque innovador baseado en redes socioecolóxicas, que permite analizar as conexións entre persoas e ecosistemas e como estas interaccións inflúen nas causas e resultados do cambio global. A actividade, organizada polo Future Oceans Lab (FOL) do Centro de Investigación Mariña (CIM), reuniu a investigadoras e investigadores nunha sesión híbrida celebrada na Facultade de Ciencias do Mar.
Durante a súa intervención, a Dra. Barnes expuxo como as conexións sociais inflúen na conservación da biodiversidade, o benestar humano e a capacidade das comunidades costeiras para adaptarse ao cambio climático. A través de exemplos de campo en comunidades pesqueiras de Kenia e Papúa Nova Guinea, presentou un enfoque innovador que permite entender os sistemas mariños como redes interconectadas de persoas e ecosistemas.
Entendendo a complexidade: redes que conectan persoas e natureza
A investigación da Dra. Michele L. Barnes enfócase en como resolvemos os complexos problemas da sostibilidade. O seu traballo baséase no papel das redes sociais, a capacidade de recuperación (resiliencia) e a nosa habilidade para adaptarnos ao cambio climático.
A Dra. Barnes explicou que as persoas e a natureza están entrelazadas. Propón un enfoque socioecolóxico, que considera a resiliencia das pequenas pesqueiras como un exemplo de como comunidades enteiras poden facer fronte a desafíos. Como ela mesma subliña, “as redes sociais importan e inflúen nos recursos e nas condutas, e hai unha oportunidade de actuar”. Isto significa que as nosas conexións e a forma en que nos relacionamos inflúen directamente na dispoñibilidade de recursos e en como nos comportamos, abrindo camiños para o cambio.
O seu traballo baséase na análise de redes socioecolóxicas, establecendo unha especie de mapa das conexións entre as persoas e a contorna natural. Isto permítelle entender as complexas interaccións que ocorren, especialmente nas comunidades costeiras que loitan contra o cambio climático e a xestión dos recursos mariños. Os seus estudos non quedan na teoría; combinan a investigación no terreo coa análise destas redes para ofrecer solucións prácticas e probadas para un futuro máis sostible. A súa perspectiva permite estudar a fondo estas relacións e ver como afectan á biodiversidade e ao benestar humano, creando sinerxías entre a ecoloxía e as persoas. Tal e como trasladou na súa charla, “cando a natureza prospera, as persoas tamén o fan, e viceversa”.
Un dos puntos máis importantes é que “as redes socioecológicas median o comportamento adaptativo ao cambio climático”. A Dra. Barnes non só identifica que elementos fannos máis capaces de adaptarnos, senón que investiga como esta capacidade tradúcese en accións reais, céntranse en como medir o éxito destas estratexias de adaptación.
A pesar de que anualmente se invisten grandes sumas (30 mil millóns de dólares) en políticas de adaptación, a Dra. Barnes advirte que “a complexidade a miúdo pásase por alto, e que aínda queda moito traballo por facer para demostrar a eficacia deste enfoque”. Para ela, “a importancia da sociedade nos enfoques ecolóxicos é urxente e é preciso actuar”. Tamén nos lembra que, “ás veces, o que beneficia á comunidade en xeral, non sempre beneficia ao individuo”. Por iso, destaca a importancia de equilibrar as necesidades colectivas e individuais na procura da sostibilidade.
Compromiso coa formación, ciencia aberta e conectada cos retos sociais
Este tipo de seminarios está en liña co interese do CIM por fortalecer a formación do persoal investigador en áreas de gran relevancia para o futuro dos océanos, como a sostibilidade, a resiliencia e a gobernanza socioecolóxica. Actividades como esta reflicten o compromiso do centro cunha ciencia aberta, interdisciplinar e conectada cos retos sociais e ambientais máis urxentes.
Ademais de fomentar o intercambio de coñecemento, o CIM reforza así o seu papel como nodo de conexión con investigadoras e investigadores de referencia internacional, consolidando a súa misión de formar talento e xerar coñecemento útil para unha sociedade máis sostible.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.
Fonte: DUVI