Unha delegación internacional de América, África e Asia visita a ECIMAT para explorar sinerxías cara a un desenvolvemento sostible do sector acuícola

A misión comercial inversa organizada polo ICEX e o Cluster Acuiplus está formada por expertos e entidades de México, Ghana, Chile, Ecuador, Omán e Marrocos interesados en establecer colaboracións co CIM

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), centro de apoio á investigación do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo acolleu hoxe a visita dunha misión comercial inversa organizada polo ICEX, entidade do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, e o Cluster Acuiplus. Esta iniciativa representou unha oportunidade única para o intercambio de coñecementos e o establecemento de posibles colaboracións no ámbito da acuicultura sostible a nivel internacional.

A delegación estaba formada por representantes do Cluster Acuiplus, do propio ICEX, e por expertos referencia do sector acuícola procedentes de América, África e Asia que foron recibidos polo director do CIM, Daniel Rey, o director da ECIMAT, José Manuel García, e o director da Área de Promoción da Internacionalización, Iago Pozo. Concretamente, estiveron Carlos Alfonso Álvarez González, presidente da Asociación de Especialistas en Nutrición Acuícola A.C. e profesor da Universidade Juárez Autónoma de Tabasco (México); Jacob Adzikah, CEO da Chamber of Aquaculture de Ghana; Adolfo Alvial, director executivo do Club Innovación Acuícola de Chile; Carla Salinas, directora executiva da Cámara Nacional de Acuacultura de Ecuador; Basma Al Obaidani, analista senior de intelixencia de mercados de Oman Food Capital; e Hicham El Ouazzani, xefe do Servizo de Apoio Técnico da ANDA (Agence Nationale pour le Développement de l’Aquaculture) de Marrocos.

Os membros da misión estaban especialmente interesados en coñecer de primeira man as capacidades, modelos de colaboración e boas prácticas do sector acuícola español e, neste caso concreto, galego. A visita tiña por obxectivo visibilizar como se articula en Galicia a conexión entre ciencia, innovación e desenvolvemento sectorial. Neste sentido, a traxectoria e experiencia da ECIMAT representou un exemplo consolidado de como fomentar sinerxías entre o coñecemento científico e o tecido produtivo.

Durante a visita, a delegación internacional puido descubrir a importancia da ECIMAT como infraestrutura estratéxica para a investigación mariña aplicada, especialmente no eido da acuicultura sostible. As súas instalacións de vangarda e o equipo técnico especializado fan posible o desenvolvemento de experimentacións avanzadas en áreas como a reprodución e crecemento de especies, a nutrición acuícola, o benestar animal, a bioseguridade ou o impacto do cambio climático nos ecosistemas mariños.

Ademais, os representantes da misión internacional afondaron nas capacidades científicas e tecnolóxicas do CIM, así como nos proxectos que se están a levar a cabo en liñas prioritarias como a acuicultura alimentada e non alimentada, o deseño de novos alimentos para especies mariñas de interese comercial e a resposta biolóxica destas especies fronte a presións ambientais como a contaminación ou o quecemento global. O encontro permitiu abrir un espazo de diálogo e cooperación internacional co fin de identificar desafíos compartidos e promover alianzas entre centros de coñecemento e o sector produtivo a nivel global.

En palabras do director do CIM, Daniel Rey, “esta iniciativa reforza o papel do CIM como axente clave na transferencia de coñecemento e na internacionalización da investigación mariña, promovendo un modelo de acuicultura respectuoso co medio ambiente, innovador e adaptado aos desafíos globais”.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)