A mostra escultórica é froito da colaboración entre investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e artistas internacionais. Poderá visitarse ata o 30 de setembro
Rastros del Silencio, Fauna, Home á deriva, Interior e Último resquicio son as cinco obras que integran a mostra Mar Emerxente que desde este mércores se pode visitar na entrada do edificio institucional da Autoridade Portuaria de Vigo. Impulsada polo Campus do Mar, ao abeiro da súa iniciativa Scientists meet Artists, e liderada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, a exposición amosa cinco esculturas, froito do traballo conxunto doutros tantos investigadores e investigadoras do CIM-UVigo con recoñecidos artistas plásticos.
Logo da súa inauguración hai case un ano no edificio Redeiras da UVigo, a iniciativa, que contou coa colaboración e cofinanciamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, FECYT, chegou hoxe ao edificio institucional da Autoridade Portuaria, onde este mediodía foi inaugurada polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa polo presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, nun acto ao que tamén asistiron o director do CIM, Daniel Rey, e os artistas Liliya Pobornikova e Nando Álvarez. Para o reitor, a investigación mariña sempre estivo no foco e “nós somos unha das mellores universidades do mundo neste ámbito e queremos seguir expandindo este coñecemento entre as empresas e a cidadanía. Esta é unha iniciativa que vai máis lonxe e que quere desde as ensinanzas máis iniciais que a xente se achegue ao mar”, dixo Reigosa.
Pola súa banda, o director da Autoridade Portuaria destacou o valor e a novidade que supón unir arte e ciencia, así como a importancia de trasladar o coñecemento científico á infancia. “Temos que acadar que os nenos miren cara á ciencia, a enxeñaría e o mar como algo moi interesante para a súa carreira”, dixo Botana, para quen o mar “é a solución a moitos dos problemas do mundo”. Mentres, Daniel Rey, director do CIM lembro que “o proxecto Scientists meet Artists trata de obter a xenerosidade e capacidades que teñen de transmitir emocións os artistas para que nós poidamos transmitir á cidadanía temas que teñen que ver coa alfabetización oceánica e como inflúe en nós”. Rey agradeceu a colaboración da Autoridade Portuaria coa o UVigo desde hai moitos anos e agora máis reforzada, se cabe, cun presidente que o director do CIM lembrou que é egresado da institución académica viguesa.
Ciencia e arte fusionadas en cinco obras
Este proxecto innovador no que investigación e creatividade van da man comezou cun encontro dos e das artistas co persoal investigador para coñecer o seu traballo, para a continuación iniciar nos seus talleres o proceso creativo, froito do que emerxeron cinco obras escultóricas que amosan a simbiose entre os mundos científico e artístico.
Interior, nacida da fascinación polas formas orgánicas e sobre como estas resoan coas emocións é unha invitación á reflexión, á busca do interior e ao contacto co natural. A colaboración entre a especialista en criobioloxía e bioloxía de equinodermos Estefanía Paredes e a escultora Lyliya Pobornikova foi a deu vida a esta obra. Do tándem entre Fran Ramil, especialista en invertebrados bentónicos mariños, e o artista Nando Álvarez xurdiu Fauna, unha escultura de mármore portugués rosa e gris inspirada na fauna submarina cun deseño fluído que evoca corais, anemones e moluscos e formas en punta e curvilíneas que reflicten a complexidade dos ecosistemas profundos. O contraste entre o mármore rosa e as vetas grises achegan dinamismo, mentres que a superficie pulida realza as texturas do mármore.
Pola súa banda, Último resquicio, unha serie de esculturas que explora a intersección entre a pesca e o cambio climático, destacando a alarmante diminución dos recursos acuáticos xurdiu do traballo conxunto da responsable do grupo Future Oceans Lab Elena Ojea e a artista Itahisa Pérez. Trátase de obras que transmiten a pegada devastadora da intervención humana e resaltan a urxencia e fraxilidade da situación ambiental, invitando a reflexionar sobre a responsabilidade do ser humano na preservación do ecosistema.
A mostra complétase con Home á deriva, unha estrutura ortoédrica regular sobre a que se desenvolve unha escena en aparente equilibrio e onde algúns dos elementos racharon provocando un movemento na parte superior en forma de onda sobre que flota un cubo e un ser humano. A escultura, nacida da colaboración entre Moncho Gesteira, catedrático de Física Aplicada e responsable do grupo EPhysLab, e o artista Amancio González capta o momento desa ruptura previa ao desmoronamento: o equilibrio pronto desaparecerá e o ser humano está en estado de incerteza. Finalmente, da unión entre a investigadora Paula Diz, especializada en microfósiles mariños, e a escultora Noemí Palacios xurdiu Rastros del Silencio, tres pezas en alabastro que abordan as etapas de deterioro dos océanos debido á acidificación e que actúan como declaración visual sobre a importancia de preservar o medio mariño.
Fonte: DUVI