O persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) impartiu un curso intensivo de tres días sobre o software de modelización hidráulica Iber dirixido a profesionais da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Impartido ao abeiro do proxecto “Capacitación científica para optimizar los sistemas de ayuda a la decisión y fortalecer las políticas asociadas a la planificación hidrológica en la Confederación Hidrográfica del Miño-Sil”, a iniciativa ten como obxectivo principal facilitar un intercambio directo de coñecemento coa administración, proporcionando asesoramento e formación científica con ferramentas e evidencias fiables e accesibles. Este curso conta co financiamento da FECYT dentro da convocatoria “Fomento de la cultura de la innovación pública”.
O curso estivo centrado na formación na modelización hidráulica e hidrolóxica mediante o modelo hidrodinámico bidimensional Iber, de libre acceso, cunha especial atención á súa aplicación na predición e xestión de inundacións en entornos urbanos e fluviais.
Unha nova apostando do CIM pola transferencia de coñecemento e o fortalecemento das capacidades técnicas das entidades públicas para unha xestión hidrolóxica máis eficiente e sostible. Ciencia aplicada ao servizo da xestión hidrolóxica e da planificación territorial, contribuíndo a unha mellor adaptación aos retos do cambio climático e á prevención de riscos.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.