O Geolodía Pontevedra regresará 14 anos despois do seu inicio á Foz da Ramallosa

O Geolodía Pontevedra regresará 14 anos despois do seu inicio á Foz da Ramallosa

A actividade, organizada polo catedrático do CIM Bienvenido Pérez e outros docentes da Univeresidade de Vigo, celebrarase o 11 de maio

O Sistema Praia Barreira Lagoon da Ramallosa está clasificado polo Instituto Geológico y Minero de España (IGME) como un Lugar de Interés Geológico (LIG) con código GM076. “Defínese como LIG unha zona de interese científico, didáctico ou turístico que, polo seu carácter único e/ou representativo, é necesario para o estudo e interpretación da orixe e evolución dos grandes dominios xeolóxicos e os procesos que os moldearon”, explica Bienvenido Diez, catedrático do Departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio do CIM-UVigo que xunto a outros e outras docentes da Facultade de Ciencias do Mar e da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía da Universidade organiza o Geolodía25 Pontevedra, que o vindeiro 11 de maio se desenvolverá na Foz da Ramallosa.

Ás persoas participantes, que se poderán inscribir para tomar parte da actividade ata o xoves 8 de maio, se lles explicará ao longo de percorrido a formación, presente e posible evolución do complexo sedimentario co obxectivo de sensibilizalos sobre a preservación do patrimonio xeolóxico e da necesidade de coñecer a contorna xeolóxica onde se desenvolve a súa actividade diaria. “O primeiro Xeolodía o celebramos, tamén en Baiona, en 2011 e pensamos que volver 14 anos despois é o axeitado”, destaca Diez, que lembra que esta celebración arrancou no territorio española hai 20 anos da man da Sociedad Geológica de España e na actualidade mesmo se celebran Xeolodías transnacionais con Portugal e tamén fóra de España.

Incrementando os coñecementos sobre a xeoloxía da contorna

A partir das 9.30 da mañá e en cinco quendas de 30 persoas, as e os participantes na actividade, que tamén conta coa organización do Concello de Baiona, realizarán un percorrido dunhas 2,5 horas de duración polo Sistema Praia Barreira Lagoon da Ramallosa, incluíndose, desta volta, unha quenda cun traxecto especial para persoas con mobilidade reducida. “A Sociedad Geológica de España solicitou aos organizadores dos diferentes xeolodías un esforzo dirixido a facilitar a integración de persoas con mobilidade reducida e este ano preparamos un percorrido alternativo, que comezará ao mesmo tempo que a derradeira quenda, ás 11.30, pero que se desenvolverá sobre puntos de observación de boa accesibilidade”, explica o catedrático do CIM-UVigo.

Nunha sociedade que, segundo Bienvenido Pérez, “presenta un baixo coñecemento dos aspectos xeolóxicos da súa contorna e como poden afectar a súa actividade diaria”, participar no Xeolodía permite “adquirir unha maior conciencia sobre o territorio, fomenta a educación ambiental e promove a prevención de riscos xeolóxicos”.

Fonte: DUVI