Do 27 de abril ao 2 de maio de 2025, Viena acolleu a Asemblea Xeral da European Geosciences Union (EGU), onde se deron cita preto de 21.000 especialistas en ciencias da Terra, océano e planetas. Un ano máis, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo estivo presente cunha destacada participación neste evento internacional de referencia.
O investigador Gianluca Marino coorganizou unha sesión centrada na desoxigenación oceánica, un fenómeno vinculado ao quecemento global e á contaminación que ameaza os ecosistemas mariños. A conferencia abordou un dos retos máis apremiantes dos ecosistemas mariños: a perda de oxíxeno nos océanos debido ao quecemento global e ao exceso de nutrintes procedentes da escorrentía continental. Este fenómeno ameaza a biodiversidade mariña e altera o equilibrio dos ciclos bioxeoquímicos do planeta.
Ademais, presentou o novo equipamento IRMS, un laboratorio de isótopos estables e agrupados único no sur de Europa. Esta infraestrutura de vangarda posiciona ao CIM como referente para o estudo do clima pasado e xa atrae a investigadores europeos interesados en colaboracións e reconstrucións paleoclimáticas.
Pero a participación do CIM foi moito máis ampla. Representantes de EphysLab tamén presentaron traballos relacionados coa orixe e transporte de humidade en eventos climáticos extremos, contribuíndo á comprensión de fenómenos meteorolóxicos críticos no contexto do cambio climático.
Ademais, o CIM participou en sesións sobre ciencia cidadá e comunicación científica, xerando gran interese entre a comunidade internacional. Destacaron especialmente iniciativas innovadoras como o proxecto de ciencia cidadá Iberarenum, que conta coa colaboración da FECYT, e ScientistsMeetArtists, que combina ciencia e arte para achegar o coñecemento científico á sociedade.
O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.