O estudo, realizado no xacemento de Cova Eirós e publicado na revista Journal of Archaeological Science: Reports, está liderada polo micropaleontólogo do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Iván Rey en colaboración coa USC
Un novo estudo realizado no emblemático xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo) por un equipo multidisciplinar de investigadores, liderado desde o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e dende a Universidade de Santiago de Compostela, ofrece unha nova perspectiva do territorio no que viviron os derradeiros neandertais de Galicia, amosando a existencia dun medio considerablemente máis frío pero cun réxime de precipitacións similar ao actual.
A investigación, publicada na revista Journal of Archaeological Science: Reports, está liderada polo micropaleontólogo do CIM Iván Rey Rodríguez e o arqueólogo Hugo Bal García, da USC. Xunto a eles traballan tamén na investigación, Ramón Fábregas Valcarce (USC, CISPAC), Arturo de Lombera Hermida (Universidade de Oviedo, CISPAC), Mikel Díaz Rodríguez (UVigo, CISPAC), Carlos Fernández Rodríguez (Universidad de León) e Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (Universitat Rovira i Virgili, IPHES-CERCA).
Análise de máis de 1,000 restos fáunicos
O traballo ofrece a análise de máis de 1,000 restos fáunicos recuperados no Nivel 3 do xacemento, o cal presenta unha antigüidade de en torno aos 41,000 anos. Nesta época os neandertais aínda ocupaban as Serras Orientais de Galicia, explotando unha ampla variedade de recursos entre os que o cervo era a súa principal presa, pero non a única, pois mesmo se detectou a explotación intencional de osos das cavernas. Este estudo serviu para comprobar que estes grupos neandertais tiñan unha gran mobilidade polo territorio, do que facían un uso extensivo, aproveitándose do feito de que a cova se atope nun ecotono (a fronteira entre distintos ecosistemas), o que proporcionaba acceso a un maior número de recursos.
Reconstrución da condicións climáticas e identificación de máis de 30 especies
Ademais de abordar as estratexias de subsistencia neandertais, o principal feito a destacar deste artigo é que ofrece unha reconstrución aproximada das condicións climáticas ás que se enfrontaron estes cazadores-recolectores. A partir da información ecolóxica que achegan as máis de 30 especies identificadas na cova -varias delas extintas a día de hoxe, coma o mamut laúdo- os investigadores puideron deducir unha temperatura media anual sensiblemente inferior á actual, cun descenso medio de -3 ºC; mentres que as precipitacións se mantiveron bastante elevadas, cunha diferencia de tan so 150 mm anuais menos que na actualidade.
As serras orientais de Galicia, un auténtico refuxio climático
Isto permitiu que se mantivera unha comunidade vexetal relativamente importante, cun medio dominado por bosques de baixa densidade intercalados con pradarías húmidas nun momento no que na maior parte da península ibérica dominaban o frío e a aridez, o que convirte as serras orientais de Galicia nun auténtico refuxio climático que permitiu a supervivencia dos grupos neandertais ata momentos máis recentes que noutras zonas do norte peninsular.
Fonte: DUVI