AlénOMar | Un proxecto do CIM aposta pola ciencia aberta e a dixitalización para reconstruír a memoria climática de Ourense

A investigadora do CIM Marisela Des lidera un dos 12 proxectos financiados na última convocatoria Axudas a grupos de investigación do campus de Ourense (Inou 2025), unha iniciativa financiada con 59.000 euros pola Deputación de Ourense no marco do convenio anual asinado entre este órgano provincial e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, investigación, formación e deportes no campus de Ourense. A súa finalidade é apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade.

O seu proxecto recibiu unha achega de 4916 euros e céntrase na posta en valor e reutilización de datos meteorolóxicos históricos recollidos na provincia de Ourense, moitos deles aínda en formato papel ou escaneados, que serán dixitalizados e incorporados a unha base de datos aberta ao público.

O obxectivo é dixitalizar e crear unha base de datos con estes rexistros segundo os principios FAIR (Findable, Accessible, Interoperable, Reusable) poñéndoos a disposición do público a través dunha web. Ademais, esta información analizarase para identificar patróns climáticos e caracterizar os microclimas da provincia.

Ademais do seu valor científico, o proxecto inclúe un forte compoñente de divulgación e alfabetización científica, con actividades orientadas a achegar a sociedade ao estudo do clima e á importancia da conservación e uso intelixente dos datos históricos.

Esta iniciativa representa un paso máis no compromiso do CIM coa dixitalización, contribuíndo a comprender mellor a evolución do clima en Galicia e os desafíos que presenta o cambio climático a escala local, e a ciencia aberta apostando pola transferencia de coñecemento ao conxunto da sociedade.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)