AlénOMar | Persoal investigador do CIM participa con máis de 800 especialistas en ecoloxía no XVII Congreso da AEET

Debaterán do 2 ao 5 de xuño no Pazo da Cultura en Pontevedra se “outra ciencia é posible”

Persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo participará xunto a máis de 800 especialistas en ecoloxía a nivel internacional no XVII Congreso Nacional da AEET e III Reunión Sibecol, promovidos pola Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET) e a Sociedade Ibérica de Ecoloxía (Sibecol) e liderados por investigadores e investigadoras do CIM-UVigo, así como da Universidade de Santiago de Compostela e da Misión Biolóxica de Galicia (MGB-CSIC), co Concello de Pontevedra como colaborador principal e o apoio da Deputación Provincial. Dende o CIM a iniciativa está liderada polos investigadores e investigadoras Sara Varela, Elena Ojeta, Beatriz Mouriño, Sara Gamboa, Adriana Oliver, Iván Rey-Rodríguez e María Gómez Brandón.

Do 2 ao 5 e xuño o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá Conferencias plenarias, máis de 40 sesións temáticas, nas que se presentarán preto de 450 comunicacións, e a defensa de máis de 250 pósters integran o programa dun evento que reunirá investigadores e investigadoras procedentes de 20 países.

Este XVII Congreso da AEET – III Sibecol, que terá como lema ‘Outra ciencia é posible: diversidade, decrecemento e sostibilidade en investigación ecolóxica’, foi presentado este martes no Concello, nun acto que contou coa participación do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; Sara Varela, coordinadora do grupo MapasLab do CIM-UVigo; e Alexandra Rodríguez e Luis Sampedro, do MBG-CSIC, responsables do comité organizador deste congreso xunto con Mar Sobral, da USC.

Co obxectivo de promover tanto o intercambio de coñecemento como o debate arredor destas temáticas, o programa do congreso abrangue por unha banda seis “charlas plenarias de interese xeral, impartidas por científicos de recoñecido nome”, entre os que se atopan as investigadoras do CIM-UVigo Beatriz Mouriño e Elena Ojea ou o responsable do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera. Cada unha destas sesións plenarias agrupará á súa vez dúas conferencias consecutivas cun “fío en común”, co obxectivo de promover un debate co público. De xeito paralelo, celebraranse en diferentes espazos do Pazo da Cultura 43 sesións paralelas, que abranguen unha ampla gama de temáticas vinculadas á investigación en ecoloxía, talleres práctivos e saídas de campo.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)