Alénomar | O CIM busca voluntariado para estudar a conectividade dos ríos galegos

No marco do proxecto FREE-FLOW financiado polo programa ATRAE. As persoas participantes deberán percorrer as cuncas dos ríos Verdugo-Oitavén, Lérez, Mandeo e Masma para identificar barreiras fluviais e promover a conservación dos ecosistemas acuáticos

No marco do proxecto FREE-FLOW, financiado polo programa ATRAE do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lanzan unha convocatoria de voluntariado ambiental titulada “Voluntariado Free-Flow: sumando pasos por ríos máis conectados”. Liderada polo investigador do CIM-UVigo Carlos García de Leaniz, a iniciativa desenvolverase durante o curso 2024/2025 e busca persoas comprometidas coa natureza para contribuír á mellora do coñecemento sobre a conectividade fluvial en Galicia.

O obxectivo principal da iniciativa é elaborar un inventario actualizado das barreiras fluviais que dificultan o fluxo natural da auga e a biodiversidade nas cuncas dos ríos Verdugo-Oitavén, Lérez, Mandeo e Masma. Para iso, as persoas voluntarias realizarán percorridos a pé polos tramos seleccionados, sempre acompañadas por persoal técnico, identificando e rexistrando as barreiras artificiais presentes nos leitos e ribeiras destes cursos fluviais.

Entre as tarefas previstas, destacan a xeolocalización de obstáculos mediante a aplicación móbil Amber Tracker, a toma de fotografías e a recollida de información sobre o tipo, altura, estado e integración na contorna de cada barreira. Esta información permitirá ampliar as bases de datos existentes, coñecer o grao real de fragmentación dos ríos galegos e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da conectividade fluvial para a saúde dos ecosistemas acuáticos.

A actividade non require formación previa, aínda que é importante contar con boa resistencia física para camiñar durante períodos prolongados (10 km ao día) e acceder a zonas de difícil acceso. As persoas voluntarias recibirán formación inicial sobre as pautas básicas para identificar, rexistrar barreiras e uso da aplicación e poderán participar nos días que mellor se adapten á súa dispoñibilidade. Cada xornada terá unha duración aproximada de 5 horas e desenvolverase en horario de mañá ou tarde, segundo a planificación do equipo e as condicións meteorolóxicas.

A participación está aberta a toda a poboación interesada en contribuír á conservación do medio ambiente a través da ciencia cidadá. Recoméndase residir en Vigo, Pontevedra ou arredores durante o período de abril a novembro de 2025, e en Vigo, Pontevedra, Santiago ou A Coruña no mesmo período de 2026, para facilitar os desprazamentos.

Para máis información e inscricións, as persoas interesadas poden contactar con Amaia Angulo, membro do equipo do proxecto, a través da ligazón | Secretaría Online Universidade de Vigo.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)