Alénomar | O investigador do CIM Carlos García de Leaniz propón usar a intelixencia artificial e a participación social para restaurar o fluxo natural dos ríos e protexer especies como o salmón atlántico

Nunha xornada no marco do proxecto FREEFLOW, financiado polo programa ATRAE. O evento tivo lugar en Pontevea (Teo) e contou coa participación de diferentes expertos en ecoloxía fluvial que incidiron na necesidade de avanzar cara unha xestión máis sostible dos recursos hídricos

Un dos grandes retos ambientais de Europa é a restauración da conectividade fluvial. O proxecto FREEFLOW busca atopar solucións innnovadoras para restaurar o fluxo natural dos ríos europeos, aplicando intelixencia artificial, teledetección e procesos de participación social para facer fronte a un dos principais obstáculos para a biodiversidade fluvial na UE. Co obxectivo de informar sobre esta problemática, celebrouse en Pontevea (Teo) unha xornada na que se presentou o proxecto e se incidiu na necesidade de avanzar cara unha xestión máis sostible dos recursos hídricos. O evento estivo organizado polo investigador do CIM e coordinador do proxecto, Carlos García de Leaniz, xunto co Servizo de Patrimonio Natural do departamento da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático en Pontevedra. O proxecto FREEFLOW conta coa financiación do programa ATRAE do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Con algúns dos ríos máis alterados do mundo e miles de barreiras artificiais obsoletas, Europa enfróntase ao reto de reconectar polo menos 25.000 km de ríos de fluxo libre antes de 2030, en cumprimento da Estratexia Europea de Biodiversidade e a Lei de Restauración da Natureza. Neste contexto nace o proxecto FREEFLOW, que foi presentado Carlos García de Leaniz na xornada e que propón utilizar a lóxica difusa e a intelixencia artificial para modelar o número, localización e impacto das barreiras que non están rexistradas co fin de diminuír a incerteza e a deficiencias de datos.

A continuación, membros do equipo interdisciplinar creado por García de Leaniz afondaron noutras cuestións vinculadas coa xestión sostible dos recursos hídricos. Concretamente, Amaia Ángulo explicou a importancia de manter a conectividade dos ríos para garantir ecosistemas saudables e resilientes, mentres que Alba Franco ofreceu unha panorámica dos diferentes tipos de barreiras e os seus impactos.

Gabriel Tedone expuxo as novas ferramentas de inventariación e técnicas de teledetección que permiten localizar e avaliar barreiras mesmo en zonas pouco accesibles, optimizando así as accións de restauración. Pola súa banda, Pablo Caballero presentou o caso do salmón atlántico no río Ulla, cuxa recuperación depende en gran medida da eliminación ou modificación dos obstáculos que impiden a súa migración natural. O programa completouse coa proxección dun vídeo de sensibilización sobre o salmón elaborado por AEMS Ríos con Vida e unha visita ás instalacións de captura no río Ulla.

Solucións innovadoras para un reto ambiental da UE

Europa ten algúns dos ríos máis modificados do planeta e tamén una das faunas fluviais máis ameazadas. Presas, azudes e outras barreiras artificiais interrompen o curso natural dos ríos, dificultando o movemento de especies migradoras, alterando os ecosistemas e fragmentando hábitats que deberían ser continuos. Moitas destas estruturas están obsoletas, pero seguen condicionando gravemente a saúde dos ríos europeos.

Para afrontar este desafío, a Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea e a nova Lei de Restauración da Natureza establecen o obxectivo de reconectar polo menos 25.000 quilómetros de ríos de fluxo libre antes de 2030. Con todo, logralo implica superar numerosos obstáculos técnicos, sociais e políticos: a falta de datos fiables sobre as barreiras existentes, a ambigüidade na definición do que é un río libre de obstáculos ou o conflito entre a necesidade de restauración ecolóxica e o uso de presas para paliar os efectos do cambio climático.

O proxecto FREEFLOW aposta por unha nova vía para afrontar este reto, empregando ferramentas como a intelixencia artificial e a lóxica difusa para modelar o número, ubicación e impacto das barreiras que non están rexistradas co fin de diminuir a incertidumbre e a deficiencias de datos. Ademais, co-creará mapas cognitivos difusos coas partes interesadas para construir unha comprensión común e unha narrativa adecuada que axude a reducir o conflito.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)