O CIM lidera a creación da Rede Galega de Escolas Azuis para implicar a máis centros educativos nun programa europeo de alfabetización oceánica

O CIM lidera a creación da Rede Galega de Escolas Azuis para implicar a máis centros educativos nun programa europeo de alfabetización oceánica

Trátase dunha iniciativa impulsada pola Comisión Europea e coordinada pola UNESCO. A iniciativa foi presentada no CEIP Ría de Vigo, onde tamén se inaugurou un laboratorio de experimentación ambiental e se celebrou unha feira científica

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) está a liderar a creación dun consorcio galego que promova a participación de centros educativos da comunidade na Network of European Blue Schools (NEBS), unha iniciativa promovida pola Comisión Europea no marco da súa coalición EU4Ocean, e coordinada pola EMSEA (European Marine Science Educators Association). Esta entidade é a encargada de xestionar o proceso de certificación de “Escola Azul Europea”, un recoñecemento oficial para aqueles centros que integran a alfabetización oceánica nas súas actividades educativas mediante proxectos vinculados ao mar.

Esta certificación forma parte dos esforzos europeos e internacionais para dar cumprimento aos obxectivos da Década das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible (2021–2030), proclamada pola ONU e liderada pola UNESCO, que busca impulsar unha nova relación entre a sociedade e o océano. Neste contexto, a alfabetización oceánica —a comprensión da influencia que o océano exerce sobre nós e da influencia que temos nós sobre o océano— convértese nunha ferramenta fundamental para construír unha cidadanía activa e informada. A través da Rede Galega de Escolas Azuis, o CIM traballa para introducir estes principios no sistema educativo, promovendo un cambio real nos currículos e contribuíndo á formación de novas xeracións máis conscientes, críticas e comprometidas coa sustentabilidade mariña.

A nivel estatal, actualmente hai 164 Escolas Azuis certificadas, das cales seis están situadas en Galicia. O CIM promove a creación desta rede como unha acción estratéxica para incrementar esta participación, facilitar a colaboración entre centros, e proporcionar apoio técnico, recursos didácticos e acceso a posibles fontes de financiamento europeo.

A presentación da Rede tivo lugar no CEIP Ría de Vigo, un centro xa embarcado no proceso de certificación, que aproveitou a ocasión para inaugurar un novo laboratorio de ciencias ambientais e organizar unha feira científica aberta a toda a comunidade escolar. Durante o acto, no que participou o investigador do CIM e coordinador da rede, Andreu Blanco, déronse a coñecer proxectos exemplares como o Proxecto Mar do CEIP Sabarís ou o RiaMarLab do propio CEIP Ría de Vigo, que funcionan como modelos inspiradores para outros centros.

A importancia da inmersión sensorial e a experimentación

O laboratorio inaugurado permitirá ao alumnado realizar análises de biodiversidade en ecosistemas locais, tanto fluviais como mariños, consolidando o enfoque de aprendizaxe experimental e sensorial. A feira científica contou con actividades divulgativas dirixidas por persoal investigador do CIM, nas que o alumnado puido presentar os seus propios miniproxectos e coñecer de preto o traballo das ciencias mariñas. Á xornada tamén asistiron representantes das entidades que forman parte da rede como o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), a Autoridade Portuaria de Vigo, 13 GRADOS ou NorthWind.

Segundo destacou Andreu Blanco, “a Rede Galega de Escolas Azuis permitirá crear sinerxías entre centros, facilitando a súa adhesión á rede europea, o deseño de proxectos mariños e o acceso a ferramentas, formación e financiamento”. Subliñou tamén a importancia da metodoloxía learning by doing: “A inmersión sensorial e a experimentación directa permiten un mellor recoñecemento dos conceptos e unha maior conciencia sobre a relevancia dos ecosistemas acuáticos na vida e no equilibrio do planeta”.

Para o director do CIM, Daniel Rey, “esta iniciativa exemplifica a nosa aposta por tender pontes entre o coñecemento científico e a sociedade, promovendo desde as aulas unha maior conciencia sobre os océanos e implicando ás novas xeracións na súa protección. O futuro do planeta tamén se constrúe na escola, e o CIM quere ser parte activa dese proceso”.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI