O CIM impulsa a colaboración nacional para garantir a sostibilidade das infraestruturas de investigación europeas

Cunha xornada de traballo en Madrid no que participaron preto de 60 persoas, forma parte do proxecto EMBRedES+, que coordina o centro

Co obxectivo de fortalecer sinerxías e garantir a sostibilidade das Infraestruturas de Investigación Europeas, persoal investigador e de xestión do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) organizou unha Xornada de traballo sobre oportunidades de colaboración nacional entre Infraestruturas Europeas de Investigación nos ámbitos da Alimentación, o Medio Ambiente e a Saúde, que se celebrou hoxe no Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en Madrid. No encontro participaron preto de 60 representantes nacionais de infraestruturas que exercen a súa actividade en países como Francia, Bélxica, Italia, Países Baixos, Finlandia ou Portugal . Ademais, asistirán representantes da Administración Pública, entre eles persoal da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), o Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) e o propio Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

A xornada, enmarcada no proxecto EMBRedES+ que coordina o CIM, abordou desafíos importantes para o futuro da nosa sociedade relativos a áreas como One Health, One Climate que supón un enfoque integral que vincula a saúde humana, animal e ambiental, destacando o impacto do cambio climático nestes ámbitos; as novas tecnoloxías en de imaxe e tecnoloxías ómicas, que combinan técnicas avanzadas de visualización e análise molecular para estudar organismos, enfermidades e ecosistemas con maior precisión; e o Data FAIRification, centrado en estrategias para a xestión e estandarización de datos científicos para que sexan localizables, accesibles, interoperables e reutilizables.

Este evento representou unha oportunidade única para consolidar a presenza das infraestruturas de investigación españolas no panorama europeo, impulsando a colaboración en proxectos que aborden os grandes retos científicos e tecnolóxicos actuáis e promovendo un modelo de colaboración conxunta entre institucións científicas e administracións públicas que garanta a súa sustentabilidade e maximice o seu impacto na sociedade.

Entre os organizadores e relatores está a Directora Científica de EMBRC-España e investigadora do CIM Estefanía Paredes, quen deu a benvida á xornada e liderou unha das sesións do evento. Así mesmo, María Huete, xestora de proxectos europeos do CIM, moderou o bloque sobre xestión e estandarización de datos científicos.

EMBRedES+

O proxecto EMBRedES+ pretende consolidar e fortalecer o funcionamento do nodo español de European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ES), ao que pertencen a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla do CIM; a Estación Mariña de Plentzia (PiE), dependente da Universidade do País Vasco; e o Banco Español de Algas (BEA- ULPGC). Este proxecto de apoio aos servizos de bioloxía mariña das estacións que forman parte do nodo español conta cun orzamento de 60.000 euros, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través da convocatoria de axudas a Redes de Investigación 2022.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Máis información: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)