As precipitacións na rexión mediterránea mantivéronse estables nos últimos 150 anos

Investigadores do CIM participaron nun macroestudo internacional realizado por 52 institucións que acaba de publicar os seus resultados na revista ‘Nature’

Desde hai máis de tres anos, 68 investigadoras e investigadores de 52 institucións de 28 países, entre elas do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, levaron a cabo un macroestudo sen precedentes ata o de agora das precipitacións na rexión mediterránea (a europea, africana e asiática), abranguendo desde o ano 1871 ata 2020. A súa análise baseouse no conxunto de datos máis completo dispoñible para a rexión, incluíndo máis de 23.000 estacións meteorolóxicas en 27 países e máis de dez millóns de rexistros de precipitación. Os seus resultados veñen de facerse públicos e neles destácase que as choivas na rexión mediterránea mantivéronse estables nos últimos 150 anos.

O traballo acaban de ser publicado na revista Nature nun artigo titulado High temporal variability not trend dominates Mediterranean precipitation. Estivo coordinado desde o Instituto Pirenaico de Ecología-CSIC por Sergio Vicente Serrano, membro tamén da Unidade Asociada da Universidade de Vigo ao CSIC chamada Grupo de Física da Atmosfera e do Océano. Por parte do CIM-UVigo participaron os catedráticos Luis Gimeno Presa, responsable da citada Unidade, e Raquel Nieto, membros tanto do grupo de investigación do campus de Ourense EPhysLab (Environmental Physics Laboratory) como do Grupo de Investigación do Sistema Climático UVigo-Cesga. Tamén participou neste traballo na súa etapa como investigador de EPhysLab Luis Gimeno Sotelo, actualmente na Universidade de Lisboa. A participación do equipo da UVigo, que conta cunha dilatada e recoñecida traxectoria investigadora en diagnose e modelización do clima, centrouse na análise dos patróns dinámicos que afectan á variabilidade da precipitación e na análise de tendencias.

Tendencia estable pero variabilidade no tempo e espazo

A rexión mediterránea, indica o equipo investigador, caracterízase por unha distribución desigual das precipitacións ao longo do ano. As proxeccións do cambio climático e os estudos observacionais teñen suxerido que as choivas diminuirán en toda a rexión durante o século XXI. Con todo, outras investigacións suxiren que os cambios nas precipitacións están impulsados polos patróns de circulación atmosférica, que poden permanecer estacionarios a longo prazo. Neste marco, no estudo presentado agora decidiuse analizar datos das citadas 23.000 estacións de precipitación en 27 países, abranguendo o período 1871-2020, para investigar as tendencias de precipitación anual e estacional a longo prazo na rexión. Tamén compararon o conxunto de datos cos modelos do Proxecto de Intercomparación de Modelos Axustados (CMIP) 5 e 6. “Esta recompilación de datos supuxo un reto para os autores do artigo e mediante o emprego dun innovador enfoque de intercambio de software fixéronse accesible os resultados subxacentes”, sinalan.

O estudo realizado conclúe que as precipitacións na rexión mediterránea non presentan unha tendencia significativa a longo prazo, manténdose estables en gran medida durante este período de tempo analizado. Porén obsérvase unha elevada variabilidade das precipitacións tanto no tempo (entre década e estacionalmente) como no espazo, variabilidade controlada pola dinámica natural do clima que determina a circulación atmosférica. “É dicir, aínda que se rexistran períodos de tempo curtos e rexións nos que se producen aumentos ou descensos das precipitacións, estes enmárcanse na variabilidade característica do clima na rexión”, puntualizan.

O CIM conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e a súa actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER 21-27.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)