Unha delegación marroquí especializada no sector da economía azul explora o potencial das instalacións no CIM

Unha delegación marroquí especializada no sector da economía azul explora o potencial das instalacións no CIM

Ao abeiro dunha visita ao Porto de Vigo, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo recibiu estes días a unha delegación de Marrocos que se atopa en misión comercial en España e Portugal co obxectivo de promover o intercambio de coñecementos, experiencias e boas prácticas no sector da economía azul.

A delegación visitou a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) do CIM e descubriu o potencial das súas instalacións, que forman parte do Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños (European Marine Biological Resource Centre-EMBRC), unha rede de infraestruturas de investigación pan-europea que ten como obxectivo poñer a disposición da comunidade científica internacional e das entidades da economía azul o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa.

Durante o encontro, a delegación marroquí amosou o seu interese pola actividade do Centro de Investigación Mariña e do Campus do Mar como exemplo da cooperación existente coa comunidade científica para favorecer a implementación da estratexia Blue Growth, mellorando a competitividade, eficiencia e sostibilidade das actividades, instalacións e servicios do Porto de Vigo.