Tres investigadoras do CIM abordan novos retos de futuro na serie documental ‘Desafíos do Océano’ do Campus do Mar

Cristina Sobrino, Paloma Morán e Maite de Castro participan na segunda edición deste proxecto que conta co financiamento da FECYT

Seis investigadoras referentes, seis retos e seis olladas de futuro. Así é a segunda edición da serie documental Desafíos do Océano: científicas ao mando, un proxecto posto en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar e no que tres investigadoras do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo participan contando a súa visión e experiencia ante novos retos de futuro.

O edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu este xoves a presentación pública da segunda edición desta serie documental, un proxecto que contou coa colaboración e cofinanciamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT.

Tres dos capítulos de 10 minutos de duración desta serie están protagonizados polas investigadoras do CIM-UVigo Cristina Sobrino, que abordou o cambio climático e a produción primaria mariña; Maite de Castro, que tratou a enerxía mariña e as fontes renovables alternativas; e Paloma Morán, que afondou sobre a xenética aplicada á conservación de especies.

Todas as participantes coincidiron en destacar a importancia de levar a cabo iniciativas como Desafíos do Océano “para amosar o altísimo potencial científico de Galicia, moitas veces liderado por mulleres”, para divulgar temas de vixente actualidade entre a sociedade e espertar vocacións científicas non só entre a mocidade.

Concurso escolar

Para ampliar a súa acción, o proxecto complementouse cun concurso escolar para alumnado de 3º e 4º da ESO e 1ª de Bacharelato. Os gañadores do certame foron os alumnos e alumnas do Colexio Lestonnac Compañía de María de Valladolid, que puideron gozar dunha estancia de dous días en Vigo para coñecer a algunha das científicas protagonistas da serie, descubrir como é o seu día a día profesional e descubrir as instalacións e o traballo que se está a desenvolver na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla.

A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)