A Universidade de Vigo presentou na feira as súas potencialidades como socio de referencia para o sector naval
O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) participa xunto a atlanTTic e Cintecx na Feira Internacional da Industria Naval, Navalia 2024, que se celebra do 21 ao 23 de maio no Instituto Feiral de Vigo e que foi inaugurada esta mañá polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen estivo acompañado, entre outras moitas autoridades, polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente e director da feira, José García Costas.
Acompañados pola Oficina de I+D, o CIM e os outros dous centros de investigación da Universidade de Vigo amosan neste posto informativo o coñecemento e innovación que a institución académica viguesa achega en diferentes ámbitos vinculados á industria naval, actuando como posible aliada para as empresas deste sector.
Durante estes días o CIM amosará no stand a súa investigación de vangarda respecto da xestión sostible de recursos mariños, biotecnoloxía azul, enxeñería de costas, restauración ambiental, simulación de fluídos ou modelización de enerxías de orixe mariña.
A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).
Fonte: DUVI