Alénomar | Os cambios climáticos do pasado, e non o clima actual, explican a diversidade dos mamíferos no planeta

Segundo un artigo publicado por investigadoras do grupo do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo MapasLab na revista ‘Global Change Biology’

O clima xoga un papel determinante na distribución e evolución da vida na Terra, pero aínda existen moitas incógnitas sobre como influíron os cambios climáticos pasados na diversidade de mamíferos do noso planeta. Un estudo liderado polas investigadoras do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Sara Gamboa, Sofía Galván e Sara Varela publicado esta semana pola revista Global Change Biology ofrece novas perspectivas sobre esta relación.

Como explican as científicas do CIM, “o clima do noso planeta cambia e non todas as especies reaccionan igual ante estes cambios. As especies especializadas, como os osos polares ou os orangutáns, que só poden sobrevivir nun único clima, considéranse máis vulnerables aos cambios ambientais que as especies xeralistas, que poden vivir en varios climas diferentes”. Non obstante, ata agora, non se explorou completamente como responden os diferentes hábitats a estes cambios e como afectan ás comunidades de mamíferos a longo prazo.

O seu estudo parte da hipótese da doutora Elisabeth Vrba, que postulou que as zonas con condicións extremas de temperatura e precipitacións deberían albergar un maior número de especies especialistas que outras zonas debido á maior fragmentación histórica. Para probar esta hipótese, as investigadoras das UVigo empregaron datos climáticos dos últimos 5 millóns de anos e técnicas avanzadas de análise estatística que lles permitiron avaliar a relación entre a fragmentación do clima e a distribución dos mamíferos nas grandes zonas climáticas do planeta, abranguendo todas as especies de mamíferos terrestres, máis de 5000.

Os achados deste estudo suxiren que o clima do pasado deixou unha “pegada indeleble” na distribución e evolución das especies, aínda máis que o clima actual. E é que como afirmaba Vrba, “o número de especies especializadas aumenta coa fragmentación histórica do clima rexional, mentres que a riqueza de especies climatolóxicas diminúe”. Esta relación entre os cambios climáticos do pasado e diversidade dos mamíferos é aproximadamente un 40 % máis forte que a correlación entre o clima actual e a riqueza de especies para as especies especializadas e un 77 % máis forte para as especies xeneralistas. Os datos amosan que, por exemplo, as rexións tropicais, mornas e polares son as máis afectadas polos cambios climáticos, en comparación coas rexións áridas e frías, que mostraron unha maior estabilidade.

A relación entre a xeografía e o clima

O estudo tamén indica que a xeografía xoga un papel esencial nesta relación, creando ambientes idóneos para a aparición de novas especies e a súa supervivencia no tempo, como illas, penínsulas e montañas. Neste sentido, a investigadora e autora principal do estudo, Sara Gamboa, explica que no traballo tamén se expón a importancia da xeografía e a súa relación co clima na diversificación das especies.

Esta idea de que os cambios climáticos e xeográficos do pasado afectaron á distribución actual dos seres vivos é moi antiga, pero como explica a profesora Gamboa, “esta é a primeira vez que se explora directamente a fragmentación climática a escala global e durante 5 millóns de anos, para relacionala cos patróns de distribución dos mamíferos”.

A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)