A científica do CIM Marta Conde, unha das protagonistas da cuarta edición do catálogo Quero ser investigadora

A investigadora do CIM Marta Conde, unha das protagonistas da cuarta edición do catálogo 'Quero ser investigadora'

Esta publicación da Universidade de Vigo busca espertar vocacións científicas entre o alumnado de ensino secundario

Valorar e dar visibilidade ás investigadoras da institución, ademais de tratar de espertar a vocación científica entre a mocidade galega con figuras femininas da súa contorna como referencia, son os principais obxectivos cos que a Universidade de Vigo acaba de publicar un novo volume, o cuarto xa, do catálogo Quero ser investigadora.

Nesta cuarta edición, ilustrada por Laura Antelo Gómez, difúndese a historia de dez novas referentes, dez mulleres, dez investigadoras, dez nenas que quixeron dedicarse ao que máis lles gusta: achegar novos coñecementos sobre a súa área de traballo que axuden á sociedade a avanzar cara a un futuro mellor. Tal e como subliña no preámbulo do libro a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, trátase de “ofrecerlles ás novas xeracións referentes actuais e próximos”, así como de “apoiar a investigación feita por mulleres”.

Unha destas protagonistas é Marta Conde Sieira, investigadora no eido da Bioloxía Mariña no grupo de Fisioloxía de peixes e a súa aplicación en acuicultura, PhysToFish, do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo). Na publicación Conde fai pensar nas grandes científicas como Marie Curie ou Rosalind Franklin, “elas, ademais de ser boas investigadoras e achegar moito á ciencia, foron tamén unhas mulleres moi valentes que non se renderon a pesar dos obstáculos”.

Financiado por FECYT

Esta publicación, financiada pola FECYT, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades 2023/2024 da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i). Dirixida ao alumnado de ensino secundario, tanto ESO como Bacharelato, conta cunha edición en papel que se está a distribuír nos  institutos de toda Galicia, así como dunha versión dixital. A maiores o libro acompáñase dunha guía didáctica e de contidos gamificados coa ferramenta Genially, de cara a facilitarlle ao profesorado o traballo co catálogo nas aulas.

Fonte: DUVI