Alénomar | Un equipo investigador do CIM participa nun estudo internacional sobre as causas da seca que precedeu aos grandes incendios de Australia

Un equipo investigador do CIM participa nun estudo internacional sobre as causas da seca que procedeu aos grandes incendios de Australia

O seu traballo centrouse en investigar as fontes de humidade. Os resultados acaban de ser publicados na revista ‘Science Advances’

A revista Science Advances recolle no seu último número un estudo internacional centrado na análise da seca de Tinderbox, no sueste de Australia, que precedeu aos grandes incendios nese país a finais de 2019 e principios de 2020. Entre as e os autores dese traballo está Milica Stojanovic, investigadora pertencente ao Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.

O estudo, titulado Australia’s Tinderbox drought: an extreme natural event likely worsened by human-caused climate change, foi realizado por 22 investigadoras e investigadores “de varias institucións de renome global”. Nel analizáronse concretamente as características e causas da seca de Tinderbox (no período de 2017 a 2019), que precedeu ao desastre dos incendios do coñecido como Black Summer. A seca de Tinderbox, explica a investigadora do grupo EPhysLab do CIM, caracterizouse por déficits de precipitacións na estación fría de ao redor do -50% en tres anos consecutivos, “algo excepcionalmente improbable no contexto da variabilidade climática natural e que causou danos ecosistémicos e socioeconómicos de enorme magnitude”.

Simulación computacional do transporte de humidade

No traballo realizado a participación de Milica Stojanovic consistiu en investigar as fontes de humidade para a precipitación en Australia e determinar o seu rol na atribución das condicións de seca extrema a través dun modelo de simulación computacional lagrangiano de transporte. “Os resultados amosaron que os déficits de precipitacións debido ao forzamento antropoxénico debéronse a unha redución do transporte de humidade de orixe oceánica en 2017, que se intensificou na estación invernal do ano seguinte, exacerbando a seca en 2018”, comenta a investigadora do CIM. Ademais, o déficit acumulado de precipitacións sobre a rexión de seca do Tinderbox, engade, tamén conduciu a unha contribución anomalamente baixa de humidade de fontes terrestres en 2018 e 2019, o que intensificou a severidade da seca. Estes déficits de humidade, recolle o estudo, intensificáronse por temperaturas inusualmente altas, déficits elevados de presión de vapor e reducións sostidas na dispoñibilidade de auga terrestre. Así, sinálase no artigo publicado en Science Advances, o forzamento antropoxénico intensificou os déficits de choiva da seca de Tinderbox en arredor dun 18%.

Os resultados da abordaxe das fontes de humidade preséntanse no estudo conxuntamente cunha análise da precipitación asociada a sistemas meteorolóxicos que afectaron a rexión, así como a resposta vexetativa ante as condicións de estrés hídrico. “Os seus resultados confirmaron a importancia desta metodoloxía na atribución da orixe e severidade do fenómeno da seca e abre as portas para o seu uso en futuros estudos sobre predictibilidade deste fenómeno na rexión”, afirma Milica Stojanovic.

Fonte: DUVI