Alénomar | Persoal investigador do CIM demostran por primeira vez o papel predominante do déficit de transporte de humidade na orixe das secas

Investigadores do CIM demostran por primeira vez o papel predominante do déficit de transporte de humidade na orixe das secas

Os seus resultados foron publicados nun artigo na revista ‘Nature Water’

Nun contexto de cambio climático, o interese científico polo incremento dos fenómenos extremos, como as secas e inundacións, é crecente debido ao seu grande impacto na sociedade. Nesta liña de traballo, persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo acaba de publicar un estudo na revista Nature Water no que “se demostra, por primeira vez, o papel predominante do déficit de transporte de humidade na xénese das secas”.

O artigo leva por título ‘Unravelling the origin of the atmospheric moisture deficit that leads to droughts’ e está asinado desde EphysLab por Luis Gimeno Sotelo, Rogert Sorí, Raquel Nieto e Luis Gimeno, e por Sergio M. Vicente, do Instituto Pirenaico de Ecología, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). O estudo que recolle foi realizado no marco dunha Unidade Asociada deste grupo do CIM e o CSIC e os seus autores están vinculados, como docentes ou alumno, ao Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga.

Probabilidade de duplicarse, triplicarse ou cuadriplicarse

As secas, sinala o equipo do CIM, “son unha das principais catástrofes naturais responsables de case un millón de mortos no último medio século no mundo, perdas económicas de miles de millóns de euros e impactos devastadores nos ecosistemas”. A pesar de ser fenómenos “moi complexos” que involucran varios aspectos do ciclo hidrolóxico, detallan, o principal factor impulsor das secas é un déficit de precipitacións en comparación coas condicións normais. No seu estudo, as e os investigadores usaron datos globais de clima presente (período 1980-2018) de precipitacións e de transporte de humidade no planeta e calcularon, a través de técnicas lagranxianas de simulación computacional de partículas e mediante funcións cópulas, a probabilidade de ocorrencia de seca dado un déficit equivalente de transporte de humidade.

Froito desta análise, o equipo de investigación atopou que “na maioría das zonas terrestres a probabilidade de que ocorra unha seca dóbrase cando hai un déficit de transporte de humidade desde as súas fontes principais, xa sexan estas oceánicas ou terrestres”. Esta probabilidade, engaden, pode mesmo triplicarse ou cuatriplicarse nalgunhas rexións, como o centro-este de América do Norte, o sueste de América do Sur e o leste de Europa. Así, no estudo recóllese que “na maioría das zonas terrestres, a probabilidade condicional estimada de seca, dado un déficit de humidade equivalente recibida do océano ou dos continentes, é superior ao 10%. Esta probabilidade é superior ao 15% nas rexións onde os principais mecanismos de transporte de humidade atmosférica están activos e a máis do 20% nalgunhas rexións críticas, como o centro-este de América do Norte, o sudeste de América do Sur e o este de Europa, onde case non hai humidade entrante”.

No caso concreto da Península Ibérica, o grupo de investigación explica que a luz do traballo agora publicado “esta probabilidade de seca triplícase no inverno cando ocorre un déficit de transporte de humidade desde o Atlántico norte, probabilidade que se mantén para Galicia tamén no verán”. Os déficits de transporte de humidade desde o Mediterráneo, engaden, poden triplicar ao longo de todo o ano a probabilidade de seca na metade este da península, con especial intensidade na rexión catalá.

Atendendo ao estudo feito, os seus autores indican que “como o transporte de humidade é máis predicible que as precipitacións”, os resultados acadados abren unha vía para mellorar a previsibilidade das secas, coas “enormes implicacións hidrolóxicas, socioeconómicas e ambientais que iso supón”.

Fonte: DUVI