É a novena expedición ao continente xeado, a segunda dentro do proxecto Radiant. Os investigadores traballarán nos intermareais sedimentarios de Porto Foster, na illa Decepción
A Universidade de Vigo volve poñer rumbo á Antártida. Este domingo partiron do aeroporto de Peinador os investigadores Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, membros do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo), que xunto co científico da Universidade de Cádiz, Iván Franco Rodil, compoñen o equipo do proxecto Radiant. Agardan chegar á base española Gabriel de Castilla arredor do día 14 para comezar a segunda parte deste proxecto inserido na XXXVII Campaña Antártica do Exército de Terra.
O seu obxectivo é continuar coa investigación iniciada nos meses de febreiro e marzo de 2023 para avaliar o efecto da radiación solar e da temperatura sobre a degradación da biomasa macroalgal en intermareais sedimentarios en Porto Foster, na illa Decepción. Nesta segunda parte do proxecto, ademais de continuar coas mostraxes nas praias da baía, realizarán dous experimentos para determinar o efecto do aumento da radiación e a temperatura.
Avaliar o procesos ecolóxicos asociados á descomposición das macroalgas
O catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador do CIM Mariano Lastra lidera este proxecto que se centra nos depósitos de macroalgas procedentes do substrato rochoso depositados sobre a liña de costa polas correntes e mareas, que funcionan como xeradores de numerosos procesos ecolóxicos asociados á súa descomposición, incluíndo o consumo, o subministro de hábitat e a actividade bioxeoquímica do sedimento. O obxectivo do proxecto Radiant é cuantificar estes procesos en dez praias ao longo do litoral de Porto Foster e o seu efecto sobre a liberación de nutrientes e a emisión de CO2 a través do sedimento, como estimador da actividade metabólica do substrato.
Resultados da primeira parte do proxecto
Na campaña do pasado ano realizouse unha primeira quenda de probas, ademais de analizar tamén os efectos do aumento de radiación UV e da temperatura relacionada co quentamento climático, sobre as principais variables bioxeoquímicas asociadas aos subsidios de macroalgas depositadas sobre o litoral. Tras analizar durante varios meses as mostras e os datos obtidos na campaña antártica de 2023, os investigaores do CIM puideron determinar que as algas sometidas a un exceso de UV reducen a súa taxa de descomposición e mineralización bacteriana, cun efecto antagónico da temperatura, que provoca un incremento substancial da taxa metabólica do substrato ante incrementos de temperatura no rango previsto polo IPCC para o noroeste da península ibérica, de entre 0.5 e 1 C na próxima década. Ademais, en colaboración cos integrantes do proxecto Erupting, Antonio Polo e Antonio Caracausi, tomáronse mostras do gas emitido nas distintas praias co obxectivo de analizar a firma isotópica do CO2 para determinar en que proporción as emisións medidas teñen orixe volcánico ou biolóxico, algo de grande interese nunha contorna volcánica como é a da illa Decepción.
Continuar o traballo en dez praias da illa Decepción
Para esta nova campaña que está a piques de comezar, o equipo do CIM-UVigo replicará as mostraxes ao longo do arco da baía e ademais realizarán outros dous experimentos, un de manipulación do medio natural e outro en condicións de mesocomos en laboratorio. No primeiro deles, empregaranse filtros selectivos de radiación UVA/B para valorar a hipótese de que o incremento na radiación UV incidente debida á apertura do buraco de ozono provocará alteracións dos procesos de descomposición da biomasa macroalgal acumulada nos intermareais sedimentarios de Porto Foster. Este experimento levarase a cabo na praia de Fumarolas coa alga Rhodophyta Palmaria decipiens (Reitsh), dominante nas achegas de macroalgas que reciben estes areais. O experimento en mesocosmos, pola súa banda, permitirá estudar os efectos da alteración da UVR sobre os consumidores primarios. Para isto analizarase a taxa de consumo do anfípodo herbívoro Gondogeneia antarctica (Chevreux, 1906) sobre fragmentos de dúas especies de macroalgas antárticas, Palmaria decipiens e Desmarestia antárctica, que previamente serán irradiadas con exceso de UVA e UVB.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.