A axuda vai dirixida á posta en marcha do proxecto Adaptación e transformación da pesca artesanal ante o cambio climático
A Xunta de Galicia financiará con 660.000 euros cinco proxectos de persoal investigador da Universidade de Vigo con traxectoria excelente, dos que catro están liderados por mulleres. Unha delas é a investigadora do Centro de Investigación Mariña (CIM) Elena Ojea. Con tala convocatoria, o goberno galego busca impulsar a excelencia e dar estabilidade ao persoal científico que exerce en Galicia.
Elena Ojea recibirá 200.000 euros como beneficiaria dunha axuda dirixida a reforzar unha traxectoria investigadora xa consolidada e as demais persoas beneficiarias, persoal investigador emerxente con traxectorias de excelencia, contarán con cadansúa axuda de 115.000 euros.
No caso de Elena Ojea, quen mañá mércores recibirá o Premio Fundación Banco Sabadell á Sostibilidade Mariña polo seu traballo na adaptación e transformación dos sistemas socio-ecolóxicos mariños, a axuda vai dirixida á posta en marcha do proxecto Adaptación e transformación da pesca artesanal ante o cambio climático. “Grazas o proxecto ERC CLOCK, agora sabemos que baixo escenarios futuros de cambio climático as medidas de adaptación actuais resultarán insuficientes e será necesario un cambio transformador nos medios de vida dependentes dos recursos mariños polo que o obxectivo deste novo proxecto vai dirixido a entender os determinantes das respostas de adaptación ou transformación dos pescadores e mariscadoras”, explica Ojea, quen subliña que para isto seguirán traballando en tres lugares: pesca artesanal en Galicia, en Nayarit (México) e en Shikoku (Xapón).
“Temos evidencias sobre como favorecer a adaptación e a transformación e queremos afondar en principios comúns a diferentes casos de estudo, para poder xeneralizar a diferentes sistemas máis aló da pesca artesanal”, explica Ojea, líder do grupo Future Oceans Lab do CIM-UVigo. “Con esta axuda podemos seguir traballando nas tres comunidades pesqueiras e crear unha relación de confianza, xa que podemos volver a contar resultados e a escoitar necesidades”.
Fonte: DUVI