A investigadora do CIM e catedrática Nieves Lorenzo, nova directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Substitúe no cargo a Humberto Michinel

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense renova a súa dirección. Tras rematar Humberto Michinel o seu mandato de tres anos á súa fronte, este luns celebrouse a votación da xunta de centro. A única candidatura presentada ás eleccións, a da investigadora do CIM e catedrática de Física da Terra Nieves Lorenzo, acadou 22 a favor, dous en contra e dous en branco.

A nova dirección a escola complétase co profesorado do centro Diego Carou (subdirector Académico); Carlos Ulloa (subdirector de Calidade) e Begoña Cid (secretaria). “Creo que é un bo equipo, un equipo de consenso, no que están representadas varias áreas de coñecemento que teñen un papel importante na docencia na nosa escola”, comenta a nosa responsable académica.

Nieves Lorenzo é licenciada e doutora europea en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e foi ata o de agora secretaria da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Membro do Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), grupo de investigación do CIM, o seu traballo investigador céntrase na influencia do cambio climático nos diferentes ámbitos da sociedade, incluído a aeronáutica. Na súa traxectoria destaca o traballo activo no fomento da incorporación da perspectiva de xénero á docencia e na visibilización das mulleres nas disciplinas STEM, sendo unha das promotoras desde as súas orixes do grupo de eXXperimenta en Feminino.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)