O galardón, que distingue os logros científicos serios pero curiosos, recoñece un estudo que destaca que a bioturbulencia dos peixes pode axudar á mestura e distribución de nutrientes nas augas costeiras
Persoal investigador do CIM asistiu á cerimonia dos IG Nobel no Imperial College de Londres, no que recolleron o seu premio na categoría de Física en recoñecemento ao estudo no que desvelaban que a bioturbulencia que xeran os peixes pode axudar á mestura e distribución de nutrientes nas augas costeiras.
Este descubrimento realizouse no marco do proxecto Remedios, no que un equipo internacional do que forman parte investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, buscaba comprender como afecta a turbulencia, neste caso a xerada pola actividade sexual dos peixes, á vida mariña.
O equipo científico está composto por persoal do CIM, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), a Universidade de Southampton e o Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology.
O estudo premiado demostra que os peixes contribúen á produción de turbulencia e mestura oceánica nas rexións costeiras, polo que o papel que xogan na distribución de calor, nutrientes e osíxeno é máis importante do que se pensaba. A relevancia radica en que ata agora, a comunidade científica consideraba que os ventos e as mareas eran os que subministraban a maior parte da enerxía que impulsa a mestura das diferentes capas que forman os océanos, pero non se tiña podido demostrar a contribución dos organismos nadadores a este fenómeno. É dicir, esta é a primeira evidencia obtida a partir de medicións in situ dunha mestura oceánica impulsada bioloxicamente, o que se coñece como bioturbulencia, un fenómeno que leva fascinando á comunidade científica durante décadas. O equipo fixo este descubrimento durante un traballo de campo en augas da ría de Pontevedra, na enseada de Bueu, a bordo do BIO Ramón Margalef no verán de 2018.