O CIM axudará a rexenerar as pradarías submarinas da ría de Aveiro

O CIM axudará a rexenerar as pradarías submarinas da ría de Aveiro

A través do proxecto europeo SeaGrasRIAwild, liderado dende Portugal e con 3,5m€ de orzamento. O CIM representa a España nunha iniciativa que a través da maricultura apoiará as necesidades de plantas e sementes para a súa reintrodución

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) axudará a rexenerar as pradarías submarinas da ría de Aveiro e Faro como socio do proxecto europeo LIFE SeaGrasRIAwild, unha iniciativa internacional  que botou a andar hai unhas semanas e que propón un cambio de paradigma na restauración destes ecosistemas mariños, permitindo programas de restauración a grande escala que teñen efectos insignificantes nas praderías naturais xa existentes.

O consorcio, liderado pola Universidade de Aveiro e con socios de Alemaña, Portugal, Dinamarca e de España, propón o desenvolvemento da maricultura para apoiar as necesidades das plantas e sementes para a súa reintrodución na vida silvestre, o que se coñece como rewilding.

Con sete anos de duración e un orzamento de case 3,5 millóns de euros, o proxecto está liderado polo profesor João Pedro Coehlo, do Cesam–Centre for Environmental and Marine Studies da Universidade de Aveiro, mentres que a representación por parte de España corresponde ao Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM, liderado por Eva Teira e Emilio Fernández, que contan cun orzamento de 94.497 euros.

O obxectivo fundamental do proxecto é reverter a situación actual de conservación das pradarías de Zostera mariña na ría de Aveiro mediante a aplicación de solucións baseadas na natureza. Como explican os investigadores, “as pradarías mariñas no Atlántico están ameazadas pola acción humana e requiren medidas de restauración. Z. Mariña desapareceu da ría de Aveiro no ano 2012, aínda que recentemente, nos anos 2019 e 2020 apareceron pequenas manchas de aproximadamente 250 m2, o que supón un punto de partida excelente para poñer en marcha medidas de restauración”.

O proxecto LIFE SeagrassRiawild propón desenvolver un programa de restauración a grande escala minimizando o impacto sobre as pradarías naturais existentes mediante o mantemento de poboacións de Zostera mariña en recintos acoutados dos que se obteñen as plantas e sementes que serán utilizadas na restauración. Esta restauración extensiva da ría de Aveiro será levada a cabo mediante o desenvolvemento dun programa de ciencia cidadá, estimulando o compromiso da cidadanía.

No que atinxe á parte do proxecto que vai desenvolver o equipo investigador do CIM, Teira e Fernández explican que se centrarán “na caracterización das pradarías donantes, especificamente mediante o estudo da diversidade do microbioma asociado a fanerógama Zostera marina mediante secuenciación dirixida dos xenes ARNr 16S e ARNr 18S. do ADN tanto nas pradarías doantes como no sistema de cultivo. Colaboraremos tamén no proceso de transplante das plantas e no deseño dos programas de educación ambiental e ciencia cidadá”.

Fonte: DUVI