#Alénomar | O proxecto estatal Odeón avalía o posible impacto da inxección de aerosois na atmosfera para contrarrestar o cambio climático

#Alénomar | O proxecto estatal Odeón avalía o posible impacto da inxección de aerosois na atmosfera para contrarrestar o cambio climático

Desenvolvido polo grupo de investigación do CIM EPhysLab xunto co Post-Growth Innovation Lab. Celebraron un obradoiro con axentes sociais para debater sobre este tipo de accións

Desde decembro de 2022 e ata decembro de 2024, persoal investigador do grupo do Centro de Investigación Mariña Environmental Physics Laboratory (EPhysLab) xunto co de Post-Growth Innovation Lab desenvolven o proxecto estatal Limitacións e perigos da inxección de aerosois de sulfato: o caso de España (Odeón). No marco da súa programación, celebraron un obradoiro de consulta con axentes sociais sobre a investigación para intervir o clima do planeta e das cuestións éticas e perigos que implica.

O obradoiro, titulado Taller sobre investigación en intervención climática, tivo o apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e celebrouse na Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense. Contou coa participación de arredor dunha ducia de persoas tanto da comunidade universitaria como de fóra dela. Durante a sesión, de carácter experimental, responsables do proxecto expuxeron as diversas técnicas de intervención climática que se están barallando e as liñas de investigación que se levan a cabo sobre os seus impactos e debatiron sobre elas.

A actividade forma parte do proxecto de investigación Odeón, financiado pola Agencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación e polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Ten como investigadores principais a Laura de la Torre e Juan Antonio Añel, do CIM, e conta cunha ampla presenza do grupo Post-Growth Innovation Lab e coa colaboración do Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas de Estados Unidos (NCAR) e The State University of New Jersey (Rutgers).

Impacto na atmosfera, na enerxía solar e na calidade do aire

Segundo explica Juan Antonio Añel, “neste proxecto avaliamos os impactos de contrarrestar os efectos do cambio climático utilizando técnicas de intervención climática, cun  foco especial nunha técnica baseada en aumentar os aerosois na estratosfera da Terra. Esta técnica reduciría a cantidade de enerxía solar que chega á superficie, reducindo polo tanto a temperatura na mesma”. Trátase, detalla o físico do CIM, de “imitar o comportamento dos volcáns que inxectan aerosois na estratosfera e arrefrían así o planeta”. Alén de centrarse en estudar os impactos destas técnicas na estrutura da atmosfera do planeta, no proxecto tamén se afonda no seu potencial impacto na produción de enerxía solar e na calidade do aire en España. A metodoloxía empregada abrangue a comparación de datos de simulacións de modelos climáticos existentes de proxectos internacionais sobre intervención climática (por exemplo GeoMIP e GLENS), a reanálise de última xeración (por exemplo MERRA2 e ERA-5) e simulacións de control do cambio climático que abarcan o período 1980-2100.

Fonte: DUVI