Nun acto celebrado en Vigo ante numerosas autoridades
A científica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Elena Ojea recibiu o Premio Fundación Banco Sabadell á Sostibilidade Mariña 2023 nun acto celebrado no Hotel Pazo Los Escudos. Este galardón recoñece o seu traballo na adaptación e transformación dos sistemas socio-ecolóxicos mariños e na avaliación da vulnerabilidade e riscos fronte ao cambio climático.
Este é un premio que busca incentivar e recoñecer o traballo das e dos científicos españois no campo da rexeneración do medio mariño, así como na explotación sostible dos seus recursos, e en concreto, aquelas investigacións que amosen evidencias tanxibles da súa aplicabilidade e incidencia, con especial interese no pulo ao talento novo. O encargado de entregar a Ojea o premio foi Josep Oliu, presidente de Banco Sabadell, nun acto ao que tamén asistiu a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, entre outras autoridades.
O xurado do premio, formado por científicos e científicas de universidades e centros de investigación de todo o país, valorou especialmente a perspectiva holística do traballo que desenvolve Elena Ojea á fronte do grupo Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da UVigo no que integra “non só aspectos ecosistémicos da sostibilidade mariña, senón a vertente máis social, facendo fincapé na visión de xustiza e equidade e incluíndo a perspectiva de xénero”. No seu fallo tamén destacaron o papel de Ojea en paneis internacionais como o IPCC, a FAO e o High Level Pannel for a Sustainable Ocean Economy, nos que as súas achega para o asesoramento de novas políticas na esfera internacional teñen sido altamente valoradas”.
A investigadora do CIM-UVigo recoñecía que “recibir o #PremioSostenibilidadMarina supón unha gran satisfacción. Emocióname saber que son parte dun grande esforzo colectivo que está impactando na sostibilidade dos océanos”.
“Estamos nun momento de cambio e de toma de decisións”
O traballo de Elena Ojea céntrase na busca de solucións adaptativas para os sistemas socio-ecolóxicos mariños que permitan a xestión sostible de recursos, a equidade social e o coidado dos modos de vida vencellados ao mar. Para isto explora en que medida e por que razóns as comunidades dependentes do medio mariño, como por exemplo os pescadores artesanais, e os instrumentos de conservación, como as áreas mariñas protexidas, son capaces de responder aos impactos do cambio climático.
Neste sentido, no seu discurso ao recoller o galardón lembrou “estamos na década dos océanos, un momento de cambio e de toma de decisións; se actuamos agora, poderemos conseguir un futuro mellor para todos” e fixo fincapé en que “cando falamos dos impactos socioeconómicos do cambio climático no mar estamos sobre todo falando de cambios de productividade e distribución de recursos e de problemas no acceso aos recursos; xurden inequidades sociais, problemas económicos e problemas tamén nas infraestruturas pola actividade mariña que causan os eventos extremos”.
Por estes motivos, Ojea fixo fincapé na importancia de traballar para “un cambio que como sociedade temos que realizar, poñendo freo ao cambio climático e aproveitando a oportunidade de adaptarnos de forma socialmente xusta e inclusiva”.