Catro investigadores do CIM, entre os máis citados do mundo segundo o ránking da Universidade de Stanford

Armando Caballero, Jorge Domínguez, Emilio Marañón e Ricardo Beiras atópanse entre os científicos máis influentes en 22 campos

Catro investigadores do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo están entre os máis citados do mundo segundo se reflicte no ránking que elabora a Universidade de Stanford. Armando Caballero, Jorge Domínguez, Emilio Marañón e Ricardo Beiras forman parte desta publicación coordinada por John P. A. Ioannidis que analiza máis de 204.000 investigadores pertencentes a 22 campos científicos e 174 subcampos atendendo á clasificación estándar de Science-Metrix.

A base de datos da Universidade de Stanford analiza as publicacións de científicos “de primeiro nivel”, é dicir, persoal investigador que se atopa entre o 2% superior de citas, proporcionando de cada unha e un deles información estandarizada sobre citas, índice h, índice hm axustado por coautoría, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros aspectos, proporcionando métricas con e sen autocitas. Ademais, o ránking ofrece tanto unha perspectiva global do impacto das citas ao longo da carreira de cada investigador e investigadora como unha clasificación atendendo aos datos do último ano, o 2022.

Atendendo á clasificación que analiza toda a carreira científica, Armando Caballero, Jorge Domínguez e Emilio Marañón sitúanse entre os dez primeiros investigadores da Universidade de Vigo neste ránking. Por ámbitos de coñecemento, Domínguez repite ao atoparse entre os 300 primeiros do mundo en Agronomía e Agricultura (267).

Por outra banda, a base de datos da Universidade de Stanford tamén permite realizar a clasificación atendendo só aos datos do último ano completo, o 2022, e sen ter en conta as autocitas. Con esta perspectiva, forman parte deste ránking os investigadores do CIM Ricardo Beiras, Emilio Marañón e Jorge Domínguez.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)