O IG Nobel de Física para un estudo sobre a bioturbulencia no que participou persoal investigador do CIM

O IG Nobel de Física para un estudo sobre a bioturbulencia no que participou persoal investigador do CIM

Os galardóns distinguen logros científicos serios pero curiosos que “primeiro fan rir e logo pensar”

En abril de 2022 a revista Nature Geoscience publicaba un estudo internacional que recollía un achado científico descuberto de forma fortuíta: a bioturbulencia que xeran os peixes pode axudar á mestura e distribución de nutrientes nas augas costeiras. Este descubrimento realizouse no marco do proxecto Remedios, no que un equipo internacional do que forman parte investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, buscaba comprender como afecta a turbulencia, neste caso a xerada pola actividade sexual dos peixes, á vida mariña. Agora o seu estudo acaba de recibir un dos dez premios IG Nobel, en concreto o da categoría de Física. Estes galardóns, que naceron inicialmente como unha parodia dos Nobel, seleccionan anualmente traballos serios e rigorosos pero tamén extravagantes, curiosos e inusuais publicados en todo o mundo que “primeiro fagan rir á xente e despois fagan pensar”.

Os galardóns foron anunciados esta pasada noite nun acto en liña no que participaron varios científicos e científicas que recibiron os verdadeiros premios Nobel en edicións anteriores. De feito, o encargado de anunciar o premio para o estudo no que participa o CIM foi Wolfgang Ketterle, premio Nobel de Física en 2001. Posteriormente, haberá dúas galas presenciais en outubro e novembro no museo do MIT, Massachusetts Institute of Technology e no Imperial College de Londres.

O equipo científico está composto por persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), a Universidade de Southampton e o Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology. A investigadora principal do proxecto Remedios é Beatriz Mouriño, do CIM-UVigo, que destaca que “todo o equipo está moi contento, porque o galardón débese a que o estudo xera un interese máis aló da comunidade científica especializada” e considera que é “unha oportunidade marabillosa para difundilo máis e para que teña máis alcance”.

Estes premios contan co apoio de institucións como Harvard, o MIT ou o Imperial College e son entregados por premios Nobel, dándose o caso de investigadores que, despois de ter sido distinguidos co IG Nobel, anos máis tarde acabaron gañando o Nobel na súa disciplina.

O estudo premiado demostra que os peixes contribúen á produción de turbulencia e mestura oceánica nas rexións costeiras, polo que o papel que xogan na distribución de calor, nutrientes e osíxeno é máis importante do que se pensaba. A relevancia deste artigo radica en que ata agora, a comunidade científica tiña consideraba que os ventos e as mareas eran os que subministraban a maior parte da enerxía que impulsa a mestura das diferentes capas que forman os océanos, pero non se tiña podido demostrar a contribución dos organismos nadadores a este fenómeno. É dicir, esta é a primeira evidencia obtida a partir de medicións in situ dunha mestura oceánica impulsada bioloxicamente, o que se coñece como bioturbulencia, un fenómeno que leva fascinando á comunidade científica durante décadas. O equipo fixo este descubrimento durante un traballo de campo en augas da ría de Pontevedra, na enseada de Bueu, a bordo do BIO Ramón Margalef no verán de 2018.

O artigo está asinado por Bieito Fernández Castro, de Universidade de Southampton, como primeiro autor, xunto cos investigadores do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo Beatriz Mouriño, Esperanza Broullón e Antonio Comesaña; Marian Peña, do Centro Oceanográfico de Baleares (IEO, CSIC); Enrique Nogueira, do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC); Miguel Gil Coto, do Departamento de Oceanografía do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC); Damien Bouffard, do Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology e Alberto C. Naveira, da Universidade de Southampton.

Fonte: DUVI