#Alénomar | Avalíanse por primeira vez os posibles efectos negativos do uso de cloro para mitigar o cambio climático

Un estudo internacional na revista Nature Communications, asinado por especialistas de 13 centros de investigación internacionais, entre os que está a Juan Antonio Añel do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, sinala por primeira vez os posibles efectos perniciosos do uso de cloro para eliminar metano da atmosfera e os indicios que fan pouco recomendable o seu emprego.

O estudo enmárcase nos traballos sobre o papel do cloro na atmosfera desenvolvidos no Instituto de Química-Física do CSIC e do proxecto Odeon sobre impactos das técnicas de intervención do clima dirixido polos profesores Juan Antonio Añel e Laura de la Torre, membros do grupo EPhysLab do CIM, e financiado pola Agencia Estatal de Investigación.

Segundo recolle o artigo da revista Nature Communications, o metano atmosférico (CH4) é un potente gas de efecto invernadoiro e fotoquimicamente activo, con fontes antropoxénicas e naturais aproximadamente iguais. Diante da proposta de adicionar cloro á atmosfera para mitigar o quecemento global a través da reducción do metano;, o que o estudo indica é que o impacto ambiental potencial desta acción de mitigación climática aínda non se explorou.

Neste traballo de análise leváronse a cabo estudos da sensibilidade para avaliar os posibles efectos do aumento das emisións de cloro reactivo no balance de metano, a composición atmosférica e a temperatura do planeta. Os resultados acadados indican que habería que triplicar a concentración actual de cloro atmosférico para que se puidese comezar a reverter o impacto do metano na atmosfera. Tal como sinala o equipo da investigación, “a cantidade e o método en que se agrega o cloro, as súas interaccións coas vías climáticas e os posibles impactos ambientais na calidade do aire e a acidez do océano deben considerarse coidadosamente antes de tomar calquera medida”, e sinalan que hai efectos perniciosos que non fan recomendable o uso de cloro, como a perda dun terzo da capa de ozono, ou unha acidificación dos océanos, o que afectaría a vida mariña.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)