Un proxecto do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) acaba de ser seleccionado para acceder á fase de maduración da convocatoria do programa Ignicia, desenvolvido pola Xunta de Galicia e a Fundación Barrié. O obxectivo desta iniciativa é a valorización da ciencia excelente feita en Galicia e a transformación dos resultados da investigación galega en tecnoloxías e produtos que poidan chegar ao mercado para dar resposta aos retos da sociedade, á vez que se xeran retornos económicos.
MytUniSex, liderado polo profesor Ángel Pérez Diz, investigador do CIM, propón o desenvolvemento e valorización da metodoloxía de produción masiva tras selección xenética asistida por análises moleculares de liñas de mexillóns unisex, con características comercialmente máis atractivas como a cor alaranxada da vianda. Detrás deste proxecto está un equipo multidisciplinar de expertos en xenética de organismos mariños, bioloxía molecular e cultivos do Centro de Investigación Mariña, cuxo obxectivo é a futura posta en marcha spin-off que comercialice directamente as sementes de mexillón seleccionadas xeneticamente a empresas do sector, así como o desenvolvemento, mediante técnicas culinarias, de subproductos gourmet tipo caviar, de alto valor engadido e saudable.
Dende o equipo de investigación do CIM que impulsa MytUniSex explican que a pesar da gran relevancia socio-económica deste sector en Galicia, nos últimos anos, tense detectado unha crecente escaseza de semente de mexillón, que se obtén principalmente do intermareal rochoso, ou ben de cordas colectoras colgadas en bateas. Non obstante, ata o momento, non hai constancia da posta en marcha de proxectos de produción de semente (hatchery) de mexillón (Mytilus spp.) e, en ningún caso, tras aplicar métodos de mellora xenética clásica que permitan a selección de trazos como a cor da vianda, como propón MytUniSex. Ademais, a posibilidade de que unha parte desta semente se poida xerar a partir de criadeiros xera un importante valor engadido a este proxecto, eliminando a estacionalidade na súa dispoñibilidade no medio natural e permitindo seleccionar trazos como a cor ou o tamaño. E é que como recalcan os investigadores, “o factor diferencial de MytUniSex ten que ver coa forte asociación entre a cor das gónadas e o sexo do mexillón, de forma que os que teñen a vianda de cor laranxa pálida ou branca e aqueles de cor laranxa intenso están fortemente asociados con machos e femias respectivamente”. Polo tanto, a cor da vianda é unha característica moi importante cun grande interese comercial, xa que dependendo do mercado, existe preferencia dos consumidores por certas tonalidades.
Proxectos aliñados coas capacidades industrias de Galicia
Como explican dende a Xunta de Galicia, os nove proxectos seleccionados nesta convocatoria abranguen unha ampla variedade de temáticas, con propostas enmarcadas nas tres prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Todas elas, ademais, son tecnoloxías disruptivas, con gran potencial e aliñadas coas capacidades industriais de Galicia.
En canto á fórmula de comercialización, inicialmente está previsto que sete dos proxectos cheguen ao mercado a través da creación dunha spin-off, mentres que os dous restantes farano a través do licenciamento das súas tecnoloxías á industria. Os proxectos seleccionados contan cun orzamento medio de 450.000 € e unha duración media de 24 meses. Neles estarán implicadas 63 persoas investigadoras, das que 34 (54%) son homes e 29 (46%) mulleres.
Nos vindeiros meses estes proxectos traballarán cos expertos do programa na concreción do plan de desenvolvemento e comercialización da tecnoloxía para garantir a súa chegada ao mercado. Os proxectos que superen esta etapa serán propostos a investimento e poderán acceder a un financiamento do 100% dos custos.
Fonte: DUVI