A Xunta implícase no financiamento dos edificios da ETEA, futura localización do CIM

O Goberno autonómico porá en marcha un novo Plan de Infraestruturas para as universidades galegas dotado con 100 millóns de euros ata 2026

A Xunta porá en marcha un Plan de Infraestruturas Universitarias co obxectivo de seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do sistema universitario galego dotado con máis de 100 millóns de euros ata 2026.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta iniciativa nun acto acompañado polos tres reitores galegos -Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo; Julio Abalde, da Coruña; e Antonio López, de Santiago de Compostela-, así como polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Na súa intervención o presidente da Xunta salientou que este proxecto conxunto reforza a colaboración entre a Xunta e a educación superior, ao tempo que garante o estado óptimo dos edificios, aulas ou laboratorios dos campus e dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, como o Centro de Investigacións Mariñas (CIM) da Universidade de Vigo. “É o noso deber como Administración garantir que a universidade pública conte coas mellores infraestruturas e que estas actúen como verdadeiros motores de aprendizaxe, investigación e desenvolvemento persoal”, destacou.

Entre as actuacións primordiais na Universidade de Vigo atópase o financiamento dos edificios da ETEA, actuación encamiñada a que o CIM se traslade a estes terreos, no que tamén se situará o Centro de Investigacións Científicas (CSIC).

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)