O proxecto LabPlas celebra a súa reunión anual con persoal investigador de oito países diferentes en Braga

Financiado co programa Horizonte 2020 e coordinado polo CIM, no encontro analizarán o progreso das actividades do mesmo coas que se procura rastrexar a procedencia do plástico presente no medio ambiente

Co obxectivo de discutir o progreso das actividades realizadas ata o momento, persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) liderará a reunión anual do proxecto europeo LabPlas no Laboratorio Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga. Durante a mesma, analizarán o progreso das actividades realizadas ata o momento coas que se procura rastrexar a procedencia do plástico presente no medio ambiente e nela participarán representantes de 17 institucións de oito países diferentes: España, Alemania, Portugal, Bélxica, Holanda, Francia, Reino Unido e Brasil.

O catedrático de ecoloxía do CIM, Ricardo Beiras, é o investigador principal do proxecto europeo que coordina a Universidade de Vigo e que conta con financiamiento do programa Horizonte 2020 (H2020). A este respecto, é importante sinalar que nos últimos anos desenvolvéronse multitude de proxectos de investigación centrados en avaliar a presenza no medio mariño de plásticos e microplásticos e o impacto que xeran dende un punto de vista ambiental. Pero o 80% desas partículas que están nos mares e océanos do planeta teñen unha orixe terrestre, motivo polo que resulta imprescindible unha abordaxe ampla e multidisciplinar do problema, que é a que propón o proxecto LabPlas.

A iniciativa, cun orzamento de 5 millóns de euros, une expertos e expertas en avaliación da contaminación, modelado ambiental, química ambiental, oceanografía, hidroloxía, paleoecoloxía, ecoloxía de solos, microbioloxía, enxeñaría da auga, nanotecnoloxía, economía e transferencia de coñecemento. Por parte da Universidade de Vigo, o proxecto está liderado por Ricardo Beiras, que coordina o laboratorio de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña (Ecotox) do grupo de Ecoloxía Costeria (EcoCost). Ademais, participan o Grupo de Ecoloxía Animal (GEA) e o grupo de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais (Erenea).

O persoal investigador está a traballar conxuntamente para avaliar as interaccións dos plásticos co medio ambiente e os ciclos naturais, determinar cales son as súas procedencias, a tipoloxía e o tamaño dos residuos e o seu percorrido ata chegar ao medio mariño. Tras dous anos de traballo esencialmente de campo, os datos recollidos alimentarán modelos ambientais, cos que tratarán de seguir os movementos de cada unha das fraccións de tamaño no ambiente para ver onde son máis abundantes, se quedan na columna de auga, se van ao fondo, se a inxiren os organismos, etc. Finalmente, poñeranse estas ferramentas a disposición das administracións e axencias públicas reguladores para mellorar as directivas e a lexislación que está en constante desenvolvemento.

O proxecto LabPlas celebra a súa reunión anual con persoal investigador de oito países diferentes en Braga

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)