Representantes de nove de países reúnense en Vigo na Asemblea Xeral do European Marine Biological Resource Centre (EMBRC)

O CIM-UVigo é o anfitrión do evento que se celebra por primeira vez na cidade olívica

Visitarán a Ecimat, que forma parte do nodo español da infraestrutura europea de investigación

O European Marine Biological Resource Centre (EMBRC) é unha rede de infraestruturas de investigación pan-europea que ten como obxectivo poñer a disposición da comunidade científica internacional e das entidades da economía azul o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa. A Universidade de Vigo, a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla do CIM-UVigo, é un dos tres representantes españois neste nodo e ademais é a institución anfitrioa da 14ª Asemblea Xeral que se está a celebrar en Vigo. Dende hoxe e ata mañá mércores representantes dos nove países membros da rede (Francia, Bélxica, España, Grecia, Israel, Italia, Noruega, Portugal e Suecia) participan nesta xuntanza que ten como finalidade debater sobre a estratexia, a gobernanza e o avance científico desta infraestrutura de investigación internacional.

As e os asistentes foron recibidos na mañá deste martes nas instalacións de Citexvi pola vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; polo director do CIM, Daniel Rey; o director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, José Manuel García Estévez, e pola coordinadora de Innovación e Transferencia do CIM, Cristina Quelle. Rubio deulles a benvida e agradeceulles “a honra” que supón para a Universidade de Vigo ter sido escollida para acoller esta décimo cuarta xuntanza da asemblea de EMBRC-ERIC. Ademais, a vicerreitora realizou unha breve presentación da UVigo, dos estudos que oferta e tamén dos seus centros de investigación, como o propio CIM. Precisamente, o seu director, Daniel Rey, fixo fincapé na importancia desta rede, unha infraestrutura de investigación europea que ofrece a investigadores e empresas acceso a organismos mariños e as instalacións para estudalos, incluíndo instalacións experimentais e plataformas tecnolóxicas. O responsable do CIM, do que depende a Ecimat, recalcou que “temos grandes expectativas sobre a achegas da nosa estación á rede”, que non se limita a ser un “provedor de servizos”, senón que pode ser un importante actor na promoción e fomento da ciencia e a investigación. Ademais, subliñou que os servizos que ofrece a Ecimat ao persoal investigador das ciencias mariñas incrementáronse substancialmente nos últimos anos e lembrou que actualmente está en construción un buque oceanográfico de última xeración de 20 metros de eslora e de propulsión híbrida enchufable, así como outras plataformas, que “terán unha dispoñibilidade internacional” para todos os membros do EMBRC.

Finalmente, Nicolas Pade, director executivo do EMBRC, agradeceu a acollida do CIM-UVigo e amosouse encantado de celebrar en Vigo esta xuntanza, na que os membros desta rede establecerán as liñas a seguir para os próximos meses e avanzarán na coordinación de todas as infraestruturas socias. En concreto, o obxectivo da reunión, na que participou a investigadora do CIM, Estefanía Paredes, é debater sobre a estratexia, gobernanza e desenvolvemento científico da infraestrutura europea de cara ao futuro máis inmediato. O programa, ademais de sesións de traballo, tamén inclúe para este mércores a reunión do Comité de Nodos integrantes do EMBRC, unha xuntanza de carácter principalmente científico e técnico sobre as instalacións e estacións mariñas que forman parte da mesma.

Como peche das xornadas de traballo, ofrecerase unha visita á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) do CIM-UVigo, que xunto coa Estación Marina de Plentzia da Universidad del País Vasco e o Banco Español de Algas da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, xestionado pola Fundación Canaria Parque Científico Tecnológico, forman o nodo español de EMBRC.

Unha rede de infraestruturas europeas de apoio

O European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC) é unha infraestrutura de investigación paneuropea que busca ser o principal provedor europeo de recursos biolóxicos, acceso aos ecosistemas mariños, datos, series temporais e servizos asociados para investigación no medio mariño. EMBRC foi incluído no Mapa de Ruta Europeo de Infraestruturas de Investigación do ESFRI en 2008. Tres anos despois as e os promotores do proxecto poñían en marcha o seu primeiro proxecto e en 2014 subscribíase un memorando de entendemento para iniciar o proceso de formalización legal da infraestrutura. En 2017 pasou a formar parte do Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación (ERIC) ao ser considerada unha infraestrutura de referencia, reflectindo o seu papel fundamental e único na I+D+i europea no medio mariño. Dende os seus comezos, España tivo un papel fundamental na organización e no establecemento do funcionamento de EMBRC, constituíndose oficialmente o nodo español en 2017, que na actualidade está formado pola Ecimat, de I+D+i en bioloxía e biotecnoloxía mariñas: a Ecimat, a Estación Mariña de Plentzia da Universidad del País Vasco e o Banco Español de Algas da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria.

O obxectivo do EMBRC–ERIC é impulsar o desenvolvemento das denominadas biotecnoloxías azuis, promovendo tanto a investigación básica como a aplicada dedicadas á procura de solucións sostibles nos sectores da alimentación, a saúde e o medioambiente, proporcionando acceso a información e recursos de todos os mares de Europa, de xeito que calquera científica ou científico ou empresa teña a súa disposición os recursos precisos para o seu labor investigador. Na actualidade dá acceso a servizos e plataformas tecnolóxicas en 70 estacións mariñas e institutos  distribuídos en nove países europeos en apoio dunha investigación sólida, rendible e eficiente.

Fonte: DUVI