Persoal investigador do CIM-UVigo participa no festival de divulgación Pint of Science

O festival Pint of Science 2023 encherá de ciencia e experimentos os bares os días 22, 23 e 24 de maio

Os vindeiros 22, 23 e 24 de maio os bares de 58 localidades españolas converteranse en improvisados laboratorios que amosarán os avances máis recentes da ciencia do noso país a todas as persoas interesadas.

Celebraranse de maneira simultánea máis de 500 charlas divididas en 300 eventos de entrada totalmente gratuíta. Nunha linguaxe comprensible e próxima, as e os investigadores máis relevantes do panorama nacional exporán os seus proxectos sobre eidos tan variados e diferentes como a Neurociencia, a Astrofísica, a Medicina, a Historia, as Supercomputación, as Matemáticas, a Economía ou a Zooloxía.

En Vigo, o festival desenvolverase no bar Cañaveral (Porta do Sol, 6), que durante 3 días acollerá experimentos, demostracións en vivo, actividades e premios, facendo as charlas aínda máis amenas.

Por parte do CIM-UVigo, participarán no Festival a investigadora Paloma Morán e o Director do centro, Daniel Rey. A presente edición contará tamén con relatores e relatoras doutros centros de investigación da Uvigo, como o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX), así como outras universidades e entidades da comunidade científica, como a Universidade do Minho (Portugal).

O programa completo xa se pode consultar na web https://pintofscience.es/events/vigo.