A investigadora do CIM-UVigo, Nieves Lorenzo, intervén neste inserido no programa ‘La aventura del Saber’, de La 2
Dirixido a afondar, dun xeito sinxelo, nas claves dos avances nos proxectos de investigación relacionados cos procesos tecnolóxicos que terán un impacto importante no futuro, a comezos de maio iniciáronse as emisións da sexta tempada de Universo Sostenible. Nela, o CIM-UVigo está representado pola investigadora Nieves Lorenzo. Coproducido por CRUE Universidades Españolas e polas 29 institucións académicas participantes, a sexta tempada deste proxecto de divulgación científica está conformada por nove capítulos que, desde o 3 de maio, emítense cada mércores dentro do programa La Aventura del Saber, de La 2 de Televisión Española.
No seu segundo programa, centrado no cambio climático e no prognóstico sobre o quentamento global, emitido o 10 de maio, este espazo contou coa participación da profesora do Departamento de Física Aplicada Nieves Lorenzo, docente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e investigadora do grupo Ephyslab, que forma parte do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo).
A sexta tempada de Universo Sostenible afonda tamén en temáticas como as células nai, as enfermidades neurodexenerativas, as tecnoloxías 5G, as erupcións volcánicas ou a intelixencia das aves. Ademais de na web de RTVE, os diferentes programas poderán verse nas plataformas web das 29 universidades que coproducen este espazo xunto á CRUE.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI