É o principal provedor de recursos biolóxicos mariños e de servizos para a investigación en Europa
O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) recibiu este martes a visita de representantes do nodo francés do European Marine Biological Resource Centre (EMBRC), infraestrutura de investigación pan-europea que pon a disposición da comunidade científica internacional e das entidades da economía azul o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa. Concretamente, realizaron a visita a directora executiva de EMBRC-Francia e licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, Gemma Giménez Papiol; a responsable de acceso e calidade, Marion Amalfitano; a responsable de comunicación e relacións públicas, Kamilia Latamna; e a asistente de xestión administrativa, Rayanna Girault. É a primeira vez que representantes da infraestrutura francesa acoden ao centro para visitar as súas instalacións co fin coñecer de primeira man o seu funcionamento e fomentar así novas sinerxías de traballo.
As representantes francesas foron recibidas polo director do CIM-UVigo, Daniel Rey, o director da Ecimat-UVigo, José Manuel García, e a coordinadora de innovación e transferencia do CIM, Cristina Quelle, que lles mostraron as instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, que xunto coa Estación Marina de Plentzia da Universidad del País Vasco e o Banco Español de Algas da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, xestionado pola Fundación Canaria Parque Científico Tecnológico, forman o nodo español de EMBRC.
Unhas instalacións “de calidade”
A directora executiva de EMBRC-Francia, Gemma Giménez Papiol, destacou a importancia da visita para “coñecer o resto de nodos que forman parte da infraestrutura e así entendela mellor, sobre todo tendo en conta que somos un equipo mozo para o que esta inmersión intensiva será de grande utilidade para afondar nas diferentes tipoloxías e configuracións das estacións que forman parte de EMBRC, así como para interactuar cos demais colegas”. Gemma Giménez mostrouse moi impresionada pola calidade das instalacións da Ecimat e do mesocosmos. “Son licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, ademais de ter formación en acuicultura, e son moi sensible ás dificultades pragmáticas de traballar con organismos mariños, sobre todo a media e grande escala, de aí que valore tan positivamente o deseño destas instalacións para a realización de experimentos de calidade”. Igualmente, Gemma Giménez non quixo deixar de facer referencia á contorna inigualable na que se atopa a Ecimat, incidindo en que “contar con espazos de convivencia destas características é un privilexio”.
Para o director do CIM-UVigo, Daniel Rey, “estas visitas son moi importantes para dar a coñecer o potencial das infraestruturas de investigación do centro, que están sendo altamente valoradas en toda Europa, e para establecer novos vínculos de traballo que permitan avanzar no desenvolvemento das liñas de investigación que compartimos ambos países”.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI