Os Premios Campus Auga distinguen o talento investigador e divulgador de dous investigadores do CIM-UVigo

Este mércores celebrouse a entrega de galardóns da súa quinta edición coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Auga

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Auga, este mércores tivo lugar a celebración do acto de entrega dos V Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do campus de Ourense no marco do seu proxecto de especialización arredor dos recursos hídricos. Nesta ocasión, foron galardoadas dúas propostas realizadas por persoal do CIM-UVigo: un artigo científico e unha acción divulgativa.

Na categoría de contribución científica concedeuse un accésit ao artigo presentado por Diego Fernández, investigador do grupo Environmental Physics Laboratory CIM-UVigo (EPhysLab), titulado Multiscale flood risk assessment under climate change. The case of the Miño River in the city of Ourense, Spain, publicado na revista da European Geosciences Union Natural Hazards and Earth System Sciences. Nel realízase unha análise multiescala do risco de inundacións na conca do Miño-Sil.

O galardón á mellor acción ou actividade de divulgación científica foi para a presentada polo tamén investigador de EPhysLab, Orlando García, Floods2022 Prevención, resiliencia y respuesta frente a eventos extremos. Este congreso celebrouse no campus de Ourense en outubro de 2022, reunindo a universidades, centros de investigación, organismos de todas as concas hidrográficas españolas e parte das intracomunitarias e administracións para analizar e avanzar nas ferramentas e mecanismos de actuación para mitigar o impacto das inundacións.

Estes galardóns están dotados en total con 3600 euros por Viaqua no marco do convenio de colaboración existente entre esta empresa e a Universidade de Vigo. O seu obxectivo é potenciar o Campus Auga distinguindo accións destacadas no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación que contribúan a situar e consolidar o campus de Ourense como un referente internacional en temáticas relacionadas coa auga.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)