200 escolares do CEIP Ría de Vigo participan nunha feira científica sobre os océanos e a vida mariña

Organizada por investigadores do CIM-UVigo, do IEO e da Fundación Cetmar

Co obxectivo de achegar a ciencia ás e aos máis pequenos, persoal técnico e investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), o Instituto Español de Oceanografía (IEO) e a Fundación Cetmar, Centro Tecnolóxico do Mar organizaron este xoves unha serie de obradoiros de divulgación científica nos que participaron preto de 200 escolares do CEIP Plurilingüe Ría de Vigo.

Para estes nenos e nenas deseñaron sete actividades demostrativas que xiraron arredor da vida nos nosos mares, centrándose concretamente no movemento das masas de auga, na vida nunha pinga de auga, na pesca sostible, na contaminación que chega ás praias e nos diferentes animais que viven nun perfil rochoso.

No caso do CIM-UVigo, a iniciativa partiu da técnica do grupo de Oceanografía Biolóxica María Pérez Lorenzo que considera imprescindible realizar este tipo de actividades con nenas e nenos para que “se sintan máis motivados a estudar carreiras científicas e para que teñan un maior coñecemento sobre o mar e os océanos, o que os levará a incrementar a súa concienciación sobre a necesidade de coidar un dos principais recursos do planeta”.

A actividade enmarcouse nas actividades do Día da Muller e da Nena na Ciencia e, con tal motivo, entregáronse ás e aos escolares chapas e adhesivos con mulleres científicas salientables da historia, incluíndo aquelas que non tiveron o seu debido recoñecemento en vida.

Desde infantil ata 6º de primaria, o alumnado puido coñecer de primeira man diversos aspectos vinculados coa investigación mariña que se realiza nestas institucións en contacto directo coas persoas que o fan realidade cada día.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI