O concurso Marie Tharp dá visibilidade ao traballo de tres mozas investigadoras do CIM

Como parte das conmemoracións do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) celebrou a entrega dos premios do concurso Marie Tharp para mulleres investigadoras. Concretamente, na categoría postdoutoral junior a gañadora foi Sara Gamboa Jurado-Centurión; na categoría predoutoral, María Alborja Valado; e houbo unha mención especial para Iria García Moreiras. O obxectivo do concurso era que as científicas do centro contasen o seu traballo nun vídeo dun minuto e estaba dotado cun premio de 1000 euros por categoría para adquisición de material informático.

En representación da Comisión de Igualdade e Sostenibilidade do CIM, que convocou o certame, interviu a súa presidenta, Ana Bernabeu, que fixo un recordatorio do labor deste órgano que busca “fomentar a investigación responsable con accións como esta iniciativa ou a formación, destacando a consecución do Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo como un fito de relevancia para o mesmo”.

Respecto do concurso, Ana Bernabeu destacou que “tomar a decisión das gañadoras foi moi difícil porque houbo moitas candidaturas e traballos de calidade nos que quedaba patente o entusiasmo e a profesionalidade das investigadoras responsables dos mesmos. De aí que houbese unha mención especial”, indicou.

A investigadora do CIM avogou por “seguir impulsando accións para a igualdade de xénero” e animou ás mozas a manter o entusiasmo, incidindo en que “o 50% do talento investigador feminino se perde durante a carreira científica. As mulleres estamos moi presentes nas primeiras etapas como son os graos, doutoramentos e mestrados, pero logo imos desaparecendo de xeito gradual ata chegar a ser só o 25% dos catedráticos”.

Por iso, insistiu en que “a nosa misión é impulsar e animar ás investigadoras mozas para que sigan adiante coa súa carreira e consoliden a súa posición para que o concepto de gráfico de tesoira desapareza”.

Pola súa banda, a técnica da Unidade de Igualdade, Mar Cendón, subliñou o traballo realizado polo CIM-UVigo en prol da igualdade de xénero e enfatizou o “esforzo realizado en formación para a capacitación e a investigación con perspectiva de xénero co fin de lograr unha ciencia máis inclusiva e con espazos de convivencia igualitarios”. Neste sentido, lembrou que “o centro foi impulsor da iniciativa de implantación das salas de lactación na Universidade de Vigo”.

Visibilizar a figura de Marie Tharp

O director do centro, Daniel Rey, quixo lembrar nun día tan recoñecido que o concurso recibe o nome da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña Marie Tharp. Durante a súa intervención, Daniel Rey fixo una semblanza desta científica que foi coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino. “A súa cartografía da dorsal Mesoatlántica e doutros trazos fisiográficos submarinos singulares contribuíron significativamente á demostración da teoría da tectónica de placas e a deriva continental”, explicou.

Daniel Rey destacou que “Tharp traballou con bolígrafos, tinta e regras para debuxar a cartografía submarina, grao de lonxitude por grao de latitude, a partir dos datos dun sónar, descubrindo na década dos 50 unha cordilleira submarina de 40.000 millas que rodea o globo”.

O director do CIM-UVigo incidiu en que “Tharp e Bruce Heezen publicaron o seu primeiro mapa fisiográfico do Atlántico Norte en 1957 e, posteriormente, en colaboración co paisaxista austríaco Heinrich Berann, publicaron o seu mapa de todo o fondo oceánico en 1977, quedando demostrada a súa precisión, anos máis tarde, grazas ás imaxes de satélite”, engadiu.

“Este descubrimento foi unha aportación fundamental para establecer a expansión dos fondos oceánicos a partir das dorsais e a deriva continental, unha teoría xeolóxica revolucionaria naquel momento”, indicou.

Pero Daniel Rey tamén lembrou que “Marie Tharp tivo que agardar aos últimos anos da súa vida para recibir axeitado recoñecemento polas súas contribucións, por iso o CIM-UVigo quixo sumarse aos recoñecementos á súa achega entregando hoxe a primeira edición dos premios que levan o seu nome e que esperamos repetir cada 11 de febreiro”.

Vídeos gañadores

A peza audiovisual de María Alborja Valado explicaba o seu traballo no ámbito da optimización da alimentación das especies criadas en acuicultura para mellorar o benestar animal e, por tanto, o rendemento destas explotacións proveendo ao consumidor dun produto seguro, sano e sostible. Por outro lado, Sara Gamboa Jurado-Centurión presentou un vídeo onde mostraba a relación entre os procesos macroevolutivos e a súa relación cos cambios climáticos e Iria García Moreiras afondaba na distribución de microalgas en ecosistemas costeiros, o que ten gran relevancia para os ecosistemas mariños e para o clima global.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)