Investigadoras do CIM fomentarán as vocacións científicas entre máis de 540 nenas e nenos con motivo do 11F

Un ano máis, as investigadoras do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) participan na Iniciativa 11 de Febrero, que na Universidade de Vigo coordina a Unidade de Cultura Científica e da Innovación, para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia a nivel nacional. Así, entre os días 1 e 15 de febreiro, sete científicas acudirán a sete centros educativos de A Guarda, Redondela, Vigo e Vilagarcía de Arousa para espertar vocacións científicas, crear referentes femininos no campo da ciencia, promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero e visibilizar o papel da muller na ciencia entre máis de 540 rapazas e rapaces.

A través de charlas e obradoiros, presentarán o seu traballo entre alumnado de educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Baixo o título de “Ciencia na vida diaria”, “Mulleres e oceanografía”, “Que teñen en común as baleas, o petróleo e o maior parte do osíxeno que respiramos?”, “Efectos do cambio global no marisqueo a pé e a perspectiva de xénero”, “El micromundo de las plantas”, “Cambio climático y mar” e “Investigadoras dos océanos pasados e futuros”, as investigadoras Estefanía Pereira, Cecilia Costas, Beatriz Mouriño, Elsa Vázquez, Sara Varela, Julia Ameneiro e Paula Diz, respectivamente, ofrecerán a estas rapazas e rapaces unha oportunidade única para ter un contacto de primeira man coa ciencia, en xeral, e coa investigación mariña, en particular.

Entrega dos premios do concurso “Marie Tharp”

Tamén no marco da celebración do 11F terá lugar a entrega de premios do Concurso Marie Tharp convocado pola comisión de Igualdade do CIM-UVigo e dirixido a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración.

O xurado deste concurso, que recibe o nome da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña Marie Tharp, coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino, decidiu premiar na categoría predoutoral a María Alborja Valado e na posdoutoral junior a Sara Gamboa Jurado-Centurión, mentres que Iria García Moreiras recibirá unha mención especial. O acto de entrega de premios será o día 10 de febreiro ás 13.00 horas no salón de graos do edificio de Ciencias Experimentais.

eXXperimenta en Feminino

Ademais, investigadoras do grupo EphysLab, pertencente ao centro, participarán na feira divulgativa eXXperimenta en Feminino , que se celebrará o venres 10 de febreiro na Praza do Bispo Cesáreo, situada no centro da cidade de Ourense. A iniciativa está organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense e conta co apoio do Concello de Ourense.  Nela haberá 13 postos abertos ao público nos que as persoas interesadas poderán achegarse a descubrir a ciencia da man das investigadoras do campus.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.