O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) recibiu esta semana a visita de persoal investigador do Quadram Institute (Reino Unido). Durante a súa estancia, ofreceron tres conferencias sobre microbioloxía e xenómica a investigadoras e investigadores do centro. Concretamente, os asistentes que acudiron ao evento puideron afondar en cuestións tan interesantes para o seu traballo como:
- Deep dive into MAGs: Can we rely on metagenomics to characterise bacterial genomes? Dr Nicol Janecko, Career track group leader at the Quadram Institute Bioscience.
- A (meta)genomic approach to studying the contribution of food to the burden of antimicrobial resistance. Dr Samuel J. Bloomfield, Post-doctoral scientist at the Quadram Institute Bioscience.
- Taxonomic and phylogenetic resolution of ribosomal operons. Dr Leonardo de Oliveira Martins, Head of Phylogenomics at the Quadram Institute Bioscience.
A doutora Janecko dirixe un grupo de investigación de Campylobacter na cadena alimentaria e ten experiencia en patóxenos transmitidos polos alimentos, estrutura xenómica da poboación de Campylobacter e Vibrio e epidemioloxía de enfermidades infecciosas zoonóticas transmitidas polos alimentos e a auga. Por outra banda, a investigación do doutor Bloomfield céntrase en investigar a transmisión da resistencia aos antimicrobianos e os patóxenos na cadea alimentaria mediante a xenómica e a metaxenómica. Por último, o doutor de Oliveira Martins é un bioinformático sénior especializado en análises xenómicas a gran escala, desde filoxenias superficiais ata profundas.
Posteriormente, estes investigadores e investigadora visitaron Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), principal infraestrutura de investigación mariña do CIM e da Universidade de Vigo.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.