O estudo, que foi liderado polo investigador do CIM-UVigo Alfio Alessandro Chiarenza en colaboración con Sara Varela, asegura que as tartarugas poderán sobrevivir se conseguen migrar a outros hábitats antes de que os seus se volvan insostibles
As tartarugas de auga doce afrontan unha carreira contrarreloxo para poder ter posibilidades de sobrevivir ao cambio climático e só o conseguirán se son quen de migrar a outros hábitats antes de que os seus se volvan insostibles polo aumento da temperatura. Así o explican nun artigo publicado na revista Current Biology un grupo de investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e do Museo de Historia Natural de Londres.
O estudo está liderado polo científico do CIM-UVigo Alfio Alessandro Chiarenza en colaboración coa investigadora Sara Valera, ambos pertencentes ao grupo Mapas Lab, e con científicos do museo londiniense, como Paul Barrett ou David B. Nicholson. A súa investigación, titulada 100 Ma of turtle palaeoniche dynamics enables prediction of latitudinal range shifts in a warming world, mira cara atrás no tempo e, empregando o rexistro fósil, logra predicir a distribución das tartarugas nun planeta cada vez máis quente, no que só poderán sobrevivir se buscan novos hábitats antes do colapso dos seus.
O equipo estudou a contracción do rango latitudinal que experimentaron as tartarugas terrestres e de auga doce (Testudinata) dende o Cretácico Superior ata o Paleóxeno (100,5–23,03 millóns de anos) en resposta aos grandes cambios climáticos. Os resultados amosan que é probable que estes animais sobrevivan nun clima de +1,5 a 2 graos, a taxa á que se agarda que se quente o planeta co cambio climático, pero non nos mesmos lugares nos que existen hoxe en día. Para sobrevivir á emerxencia planetaria, deben migrar a unha nova contorna afastada dos seus hábitats actuais nos trópicos e subtrópicos, que se volverían máis secos e, polo tanto, desaparecerían para as poboacións de tartarugas. Porén, a medida que o planeta se quenta, outros lugares volveranse potencialmente habitables e, a medida que se estende o rango latitudinal, haberá grandes áreas do norte de América do Norte e do norte de Asia que se volverán máis húmidas e cálidas, creando un hábitat máis adecuado para as tartarugas.
Como explica o autor principal do estudo, Alfio Alessandro Chiarenza, “para escapar dos efectos do cambio climático e evitar a extinción debida ao cambio climático provocado polo home, as tartarugas deben migrar lonxe dos seus hábitats actuais a unha contorna máis adecuada a medida que o planeta continúa quentándose. Aínda que non son coñecidas pola súa rapidez, as tartarugas deberán actuar con urxencia para vencer o ritmo do cambio climático”.
Outro obstáculo a ter en conta, engade, “son as presións antropoxénicas sobre unha potencial migración. Non obstante, esta investigación proporciona unha base para dar a coñecer os esforzos de conservación das tartarugas, e potencialmente de máis especies, cuxos hábitats son vulnerables ao cambio climático”.
As tartarugas como exemplo
Este equipo internacional decidiu centrar o seu proxecto nas tartarugas por varios motivos. En comparación con outros réptiles, teñen un rexistro fósil sorprendentemente bo debido ás súas coirazas. A súa ecoloxía non cambiou moito nos últimos centos de millóns de anos, o que significa que son fáciles de localizar e identificar, o que ten como resultado unha comprensión relativamente boa da súa distribución. Ademais, as tartarugas teñen unha forte relación coa súa contorna e existen en un sistema de estudo moi sólido que os investigadores poden empregar para comprender os seus límites climáticos e ambientais.
Ao reunir datos sobre as tartarugas e as condicións ambientais, o equipo puido medir un espazo ambiental teórico no que os animais poderían existir potencialmente e facer predicións baseadas en sucesos coñecidos. Despois de rastrexar con éxito este modelo no tempo profundo (deep time) empregando datos fósiles, o grupo puido reflexalo en escenarios do futuro, como por exemplo, cunha temperatura en aumento.
A coautora do estudo Amy Waterson, que no memento de realizar o estudo traballaba no museo, explica que “se ben estes métodos se aplican comunmente para estudar especies vivas na actualidade, poden ser empregadas de xeito limitado como ferramenta para estudar o tempo profundo, xa que o rexistro fósil é máis restrinxido a medida que se retrocede”.
A importancia do rexistro fósil
Actualmente só existen uns poucos análogos que poden predicir con precisión o que sucederá cos animais durante a emerxencia planetaria. Sen embargo, o rexistro fósil é unha ferramenta incriblemente útil para axudar a desenvolver aínda máis este eido, xa que un cambio climático desta magnitude xa ocorreu durante o período de arrefriamento da Terra e está rexistrado en coleccións de historia natural como a que se atopa no Museo de Historia Natural de Londres e que se emprega nesta investigación.
O profesor Paul Barrett, investigador do museo e un dos autores principais deste artigo recalca que “este estudo demostra de maneira excelente o potencial incalculable que teñen este tipo de coleccións para empregar datos históricos e ofrecer novos coñecementos sobre problemas ecolóxicos en curso”. Este proceso mediante o cal se poden predicir as respostas ecolóxicas ás condicións ambientais permitirá que tanto as e os expertos en conservación ambiental como as persoas encargadas de formular políticas neste eido coñezan o mellor xeito de prepararse para os efectos da emerxencia planetaria”.
Esta investigación contou con financiamento de NERC, ERC e a convocatoria Juan de la Cierva Formación 2020 financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación de España.
Fonte: DUVI